A sede electrónica da Xunta permite separar en carpetas específicas as nosas tramitacións persoais

martes, 23 de decembro do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia materializou unha nova actualización da sede electrónica que inclúe como principal novidade a posibilidade de crear unha carpeta profesional na área privada das persoas usuarias. Dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Consellería de Facenda) informan que “con esta modificación, as empresas dispoñen dende o pasado día 13 de decembro dunha Carpeta profesional”, e ademais, as persoas profesionais, autónomas ou intermediarias poden crear un espazo específico diferenciado para os seus trámites relacionados coa súa actividade.
Engaden que “con esta nova configuración da súa área privada, a cidadanía pode clasificar os expedientes, presentacións e borradores entre dúas carpetas, para así separar o seu labor profesional das xestións administrativas que realice de forma persoal”.
Este cambio forma parte do proceso de configuración da nova sede electrónica da Xunta, que, segundo informa a axencia, “sitúa ao cidadán no centro dos servizos públicos”. Engade AMTEGA que “a nova sede adaptase ás necesidades da cidadanía con servizos e información personalizada, e anticípase ás súas necesidades mediante servizos proactivos, avanzando na mellora das canles de relación coa cidadanía co obxectivo de mellorar a experiencia de usuario e a accesibilidade”.
Entre as novidades está tamén a posibilidade de usar dispositivos móbiles e avanza na oferta de servizos dende unha perspectiva multicanle, que inclúe a aplicación XuntaEu, a Sede electrónica, e as oficinas de asistencia. Faise ademais un especial énfase na personalización e en facilitar a busca de trámites, permitindo focalizar por colectivo.