A segunda edición da bolsa Nacho Mirás premia un documental interactivo sobre a feira galega

venres, 30 de xuño do 2017 Redacción

A segunda edición da bolsa Nacho Mirás para novos titulados de Xornalismo vén de recoñecer os valores dun proxecto de documental web sobre as feiras de Galicia. A proposta de documental, titulado precisamente Feira, vén da man de Laura Santos Esmorís e Jorge Vázquez Herrero. Trátase dun audiovisual web interactivo sobre o rol que desenvolven estas xuntanzas locais na Galicia dos nosos días (un rol, en palabras de Laura e Jorge, que malia todo o que acontecido na historia recente da nosa terra, “aínda segue a ser relevante”). En base ao dito recoñecemento, o proxecto recibirá un apoio de 6.000 euros. A dita bolsa vén da man do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e conta co patrocinio de ABANCA e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo conta o Colexio de Xornalistas, o eixo principal da obra baséase no rexistro de diferentes actividades da feira e do seu valor como espazo de encontro e convivencia. A entidade profesional tamén explica que os contidos, a xeito de breves pílulas de vídeo, tomarán diversas formas no documental: postais nas que hai unha observación estática sobre un aspecto concreto da feira, planos en movemento que mostran un percorrido, os planos de entrevista onde as personaxes contan as súas visións e miradas sobre a feira a día de hoxe, e planos detalle para mostrar accións e produtos.
Como dixemos, os autores do proxecto son Laura Santos Esmorís, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña que traballa no ámbito das artes gráficas, a maquetación dixital e a produción de eventos; e Jorge Vázquez Herrero, graduado tamén en Comunicación Audiovisual pola mesma universidade e mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago de Compostela, que na actualidade está a traballar como investigador predoutoral da USC na non ficción interactiva e a innovación nos medios.
O proxecto gañador recibirá 6.000 euros para o seu desenvolvemento. O xurado estivo formado por Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario do CPXG; Isaac González, de Abanca; Xosé López da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; e os xornalistas Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.

PUBLICIDADE