A sinatura electrónica, a súa aplicación e os seus usos centran un seminario en liña da Cámara de Santiago

xoves, 14 de marzo do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago ofrecerá en marzo un novo seminario en liña sobre transformación tecnolóxica, desta volta centrado en ofrecer recursos para facilitar os trámites da nosa peme. A xornada A sinatura electrónica, a súa legalidade, aplicación e casos de uso na miña empresa celebrarase o día 21 de marzo ás 10.00 horas. Encádrase nas actividades da Cámara ao abeiro da Oficina Acelera Peme e do programa Kit Dixital.
A nivel de contidos, ofrecerase un achegamento á legalidade da sinatura electrónica en España e en Europa, ao regulamento eIDAS e que recollen as súas bases, aos tipos de sinatura que recolle o eIDAS e que deben cumprir para ser plenamente seguros e legais e a como aplicar a sinatura electrónica en diferentes ámbitos da empresa (na documentación laboral, na prevención de riscos laborais, nos contratos comerciais e en contratos con provedores).
Tamén serán abordadas outras cuestións como as características dunha solución de sinatura electrónica, os certificados (que son e que relación teñen coa sinatura), as dúbidas frecuentes sobre a sinatura electrónica e as axudas para a dixitalización da xestión de procesos.
Dani Cerqueiro, experto en TIC e CMO de Docuten, amais de estar no equipo de promotores de Startup Galicia, encargarase de impartir os contidos. Dani é licenciado e doutor en Ciencias Físicas e leva dende 2004 vencellado profesionalmente ás novas tecnoloxías. Ten realizado múltiples actividades formativas relacionadas coa Transformación Dixital e o Emprendemento.
Esta xornada esta organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital (Red.es) da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE