O equipo Bonito-Bot do IES Perdouro de Burela gaña a III Olimpíada Robótica
luns, 15 de abril do 2024
O equipo Bonito-Bot, integrado por un grupo de estudantes de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela (Hugo Gorgojo, Gabriela Chumacero, Iago Ramos, Lucas Casal, Candela Fernández e Cayetana Trelles), vén de gañar o Gran Premio Final da III Olimpíada Robótica que se celebrou este venres 12 de abril no Centro de Educación Infantil e Primaria de Esteiro, da man da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e do Campus Industrial da Universidade da Coruña.
Ao longo de toda a mañá, o alumnado participante, máis de 100 estudantes de ESO e de Bacharelato das provincias da Coruña e de Lugo, tivo que superar tres retos: un sigueliñas con obstáculos, a proba do varredor e unha competición de sumo.
No sigueliñas, o robot debía seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se interpoñan no seu camiño. Na proba do varrendeiro o alumnado tivo que empregar algoritmos semellantes aos que empregan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para varrer todos os obxectos do taboleiro. Por último, na competición de sumo, os equipos mediron as súas forzas nun cara a cara no que debían expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo.
Nesta III Olimpíada Robótica participaron un total de 26 equipos integrados por estudantes de secundaria e/ou de bacharelato do Colegio Plurilingüe Compañía de María e do IES Salvador de Madariaga da Coruña, do IES Saturnino Montojo, do Colexio Tirso de Molina e do Colexio Cristo Rey de Ferrol, do CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Carmen La Grande Obra de Atocha de Betanzos e do IES Perdouro de Burela.
Gran Premio Final da III Olimpíada Robótica
Foi dar como dixemos ao equipo Bonito-Bot do IES Perdouro de Burela. Entregou o galardón a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas.
Premios á mellor puntuación na proba do sumo
O primeiro premio foi dar ao equipo Tomate do CPR Plurilingüe Nosa Señora do Carme (A Gran Obra de Atocha) de Betanzos, A Coruña; o segundo a Hamburguesas Extintas e o terceiro a MJ63 do dito centro betanceiro. Entregou os galardóns o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González.
Premios á mellor puntuación na proba do segueliñas
O primeiro, o segundo e o terceiro premio recaeron en Los evidentes, en Bolita e en Tomate, respectivamente, todos do CPR A Grande Obra de Atocha (Betanzos). Entregou os galardóns o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás.
Premios á mellor puntuación na proba do varrendeiro
O primeiro premio foi dar Jamón Serrano, do Colexio A Grande Obra de Atocha de Betanzos, o segundo a Bonito-Bot do IES Perdouro de Burela, e o terceiro a Os Enxeñeiros da Fe, do Colexio Cristo Rey de Ferrol. Entregou os galardóns: o coordinador da III Olimpíada Robótica, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Juan Manuel Rivas Rodríguez.