A tecnolóxica galega Quobis celebra o seu 20º aniversario no MWC26
venres, 27 de febreiro do 2026
Quobis, referente galego e estatal en solucións de comunicacións en tempo real e seguridade de voz, está estes días de celebración: conmemorando o seu 20º aniversario no Mobile World Congress (MWC GSMA) de Barcelona, edición 2026, e consolidando o seu liderado na protección da canle de voz.
Quobis representa xunto con Cinfo o puxante sector TIC galego no Pavillón España (hall 4, caseta 4C30), desde onde proxectará a súa estratexia de Trusted Communications ao ecosistema móbil mundial.
O eixo central de Quobis no MWC26 será a súa estratexia Trusted Communications, unha liña de traballo que xorde nun preocupante escenario no que o 85% da poboación española sufriu intentos de fraude telefónico. Neste contexto, Quobis presentará solucións disruptivas para devolver a seguridade ao usuario:
-Quobis Caller Score: Un motor de reputación que, mediante a integración coas novas interfaces de programación de aplicacións (APIs) dos operadores, permite verificar en tempo real a identidade do chamante e bloquear chamadas maliciosas antes de que cheguen ao destinatario.
-Branded Calling: Tecnoloxía que permite ás empresas (bancos, sector retallista, administracións públicas) mostrar o seu logotipo e o motivo da chamada no móbil do cliente, protexendo a identidade da marca e garantindo ao cidadán que a comunicación é veraz.
-Soberanía Tecnolóxica: Presentación dun core IMS baseado en software libre totalmente funcional, un fito recente que permite a empresas e estados reducir a dependencia de provedores estranxeiros en servizos críticos como é a telefonía.
Quobis tamén levará a cabo actividades de demostración tecnolóxica entre as que se inclúe unha demo sobre a tecnoloxía Quobis Caller Score, o seu motor de reputación intelixente deseñado para erradicar a fraude telefónica e o spoofing. Porase o foco en como a solución de Quobis é quen de integrarse coas APIs de rede estandarizadas pola GSMA (proxecto CAMARA) para consultar capacidades de rede en tempo real. “Isto permite unha verificación do número chamante moito máis
robusta e unha puntuación de risco (scoring) de extrema precisión”, salienta a empresa galega.
A firma tamén levará a cabo outra demostración encadrada na súa colaboración con Oracle, unha demo técnica que se vai executar sobre o Oracle Communications Convergent Application Server (OCCAS). Esta implementación mostra como a lóxica de seguridade de Quobis pode integrarse sen friccións en contornas críticas de fabricantes globais para validar cada chamada antes de que chegue ao destinatario. Mostrarase a capacidade da ferramenta para operar tanto en infraestruturas de alto rendemento como en contornas baseadas en software libre (como Kamailio), permitindo aos operadores manter o control total do seu stack tecnolóxico.
Innovación con selo galego e proxección global
Cun impacto social directo, Quobis busca reverter a tendencia actual onde o 90% das chamadas de números descoñecidos son ignoradas debido á desconfianza. A estratexia Trusted Communications preséntase como unha solución multinivel, que engade diferentes capas de confianza á cadea de valor dos servizos de voz. Por exemplo, a combinación de Caller Score con solucións do Branded Calling —que permite visualizar a marca e o motivo da chamada— garante en palabras da firma galega “un contexto de comunicación seguro para sectores críticos como a banca, o sector retallista e as administracións públicas”.
“Iniciamos a nosa terceira década de vida enfocados en recuperar a confianza nas canles de comunicación. Sen confianza, as interaccións entre empresas e clientes son só ruído”, sinalan desde a dirección da compañía.
