A terceira edición do programa Xerme dinamizará o emprendemento no comercio electrónico

luns, 6 de abril do 2026 Redacción

A Xunta pon en marcha a terceira edición de Xerme co obxectivo de continuar impulsando o emprendemento no ámbito do comercio electrónico ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego.
O programa combina formación técnica con mentorización especializada e diríxese tanto a persoas emprendedoras como a empresas galegas interesadas en crear ou consolidar proxectos de ecommerce ou servizos asociados. Como na edición anterior, articúlase en dúas modalidades (iniciación e avanzado), adaptadas a iniciativas en fase inicial e a negocios xa operativos.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de abril de 2026 a través da web, onde tamén se poden consultar as bases. Entre as candidaturas seleccionaranse 24 participantes que accederán a unha primeira fase formativa en abril, centrada na definición do modelo de negocio. Posteriormente, elixiranse 16 proxectos (8 por modalidade) que continuarán no programa con formación e titorización individualizada ata setembro.
Daranse prioridade ás iniciativas procedentes da Rede de polos de emprendemento, así como a proxectos innovadores, orientados ao mercado, con potencial de xeración de emprego e cun compromiso claro por parte dos seus promotores.
O programa estrutúrase en tres fases. A primeira inclúe obradoiros intensivos para definir aspectos clave do negocio, como a proposta de valor, a cadea de valor, os canais ou a estrutura financeira, e servirá tamén para seleccionar os proxectos que avanzarán á seguinte etapa.
Na segunda fase, que se prolongará ata setembro, combinaranse sesións de formación avanzada con titorización personalizada, enfocadas á mellora da estratexia competitiva, os aspectos técnicos e a viabilidade dos proxectos. Finalmente, a terceira fase centrarase na preparación en comunicación e presentación, cun DemoDay como peche, no que os participantes poderán presentar as súas iniciativas ante investidores, clientes e outros axentes do ecosistema emprendedor.
Con esta nova edición, a Xunta reafirma a súa aposta polo fortalecemento do ecosistema emprendedor en Galicia, apoiando o comercio electrónico como un ámbito clave para a modernización do tecido empresarial e a xeración de novas oportunidades económicas.