A vindeira LaconNetwork terá aires de romaría

martes, 16 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O encontro gastronómico dos albaneis da nube, a LaconNetwork, non vai ter unha 75ª edición ao uso, pois para comezar vai mudar a súa data do derradeiro venres de agosto ao primeiro venres de setembro, pretendendo ser unha xornada máis enxebre do habitual, no que xa definen como unha LaconRomaría, xa que vai aproveitarse este encontro en Carballo para celebrar o XX aniversario de Abertal Networks.
As entradas para poder acudir a este encontro xa están á venda do xeito habitual, tendo que aboar os interesados en acudir 22 euros para sufragar o xantar que comezará ás 15:00 horas do 2 de setembro no Campo da Festa de Carballo, e que estará precedido por un pregón e un vermú. O xantar estará composto por empanada, polbo, churrasco, sobremesa e café, e tras a degustación gastronómica chegarán as actuacións no palco da festa de Dude e Versión Imposible, que animarán o encontro a partires das 18:00 horas, pondo o broche final á xornada unha verbena que correrá a cargo do dúo Manu y Alber, que actuará ás 23:00 horas.

PUBLICIDADE