A web do festival Lugomáxico ofrece completa información sobre este certame, que comeza o 6 de novembro

martes, 31 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Lugo vai ser do 6 ó 11 de novembro o sitio a onde nos gustaría a moitos teletransportarnos ou transfigurarnos, meténdonos nunha caixa de madeira e dándolle logo uns toqueciños dende dentro cunha variña máxica.
Mais, xa que a gran maioría de nós non imos alén duns trucos de cartas ou de sacar moedas das orellas dos amigos e amigas, teremos que conformarnos con viaxar en coche e (porque tamén ten o seu interese) visitar previamente a web desta cuarta edición da Semana Internacional da Maxia, Lugomáxico 2006, un certame polo que xa teñen pasado artistas tan senlleiros como Juan Tamariz, René Lavand ou John Calver.
A web do festival, simple pero divertida e concibida toda ela como un truco de maxia que vai levando ós diferentes apartados, ofrece completa información sobre o programa de actividades (actuarán Mago Migue, Jorge Blass ou Luis de Mateos) e os lugares onde estas se desenvolven: auditorios, centros culturais, hospitais, locais de lecer e, por suposto, as propias rúas de Lugo.
O espazo web, co fin de que non se perda ningún afeccionado á maxia pola cidade (lembremos que os afeccionados, a diferenza dos propios magos, están expostos –a fin de contas– a perderse), inclúe un mapa detallado destes espazos tocados pola variña máxica. Lugomáxico é un festival patrocinado polo Concello de Lugo e producido por Creacións Máxicas e Abracadabra Producións.

PUBLICIDADE