A xestión do tráfico de Vigo porá en xogo unha manchea de infraestruturas para os coches smart

xoves, 6 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo vén de adxudicar, para os vindeiros oito anos e cun orzamento de 35,6 millóns, a xestión do tráfico da cidade. A gran novidade é que no proxecto contémplase a “máxima capacidade tecnolóxica para os coches intelixentes”, dotando das infraestruturas precisas a súa proliferación no espazo urbano vigués e facendo posíbel a interacción entre a cidade e os propios vehículos smart. A través do proxecto xestionaranse tamén a sala de tráfico, a rede semafórica, os accesos de automóbiles á zona vella e máis os túneles. Haberá cámaras e sensores bluetooth en diversos recantos da cidade.
Na súa sesión do pasado 4 de xuño, a xunta de Goberno local adxudicou a contratación de servizos de xestión integral e mantemento de sistemas de regulación e control do tráfico no Concello de Vigo, á unión temporal das empresas Esycsa e Etra. O orzamento será, como dixemos, de 35,6 millóns e oito anos e medio de contrato.
Segundo informou o Concello, estipulouse dende o comezo a necesidade de “facer da urbe unha Cidade Intelixente, esixindo da concesionaria que puxera en marcha a rede que permita a integración dos coches intelixentes, cun sistema de comunicación entre vehículos e infraestruturas”. Grazas a isto será posíbel facer cousas como permitir que os semáforos se abran á chegada de vehículos de emerxencias.
Ademais, o concurso público local determina o desenvolvemento dun sistema de medición de fluxos de peóns e ciclistas na cidade, sensores que detecten a chegada de persoas aos pasos de peóns ou a instalación de avisadores acústicos para invidentes en todos os novos semáforos que se instalen en Vigo, que se poderán activar desde o teléfono móbil.

PUBLICIDADE