A xestión educativa incorporará IA para mellorar o éxito escolar

martes, 9 de decembro do 2025 Redacción

A Xunta deu inicio ao proceso de contratación do proxecto EdugalIA, a nova iniciativa coa que o Goberno galego pretende incorporar a intelixencia artificial á xestión e avaliación educativa para avanzar na mellora do éxito escolar. Segundo explicou o presidente Alfonso Rueda, Galicia converterase así na primeira comunidade en España en aplicar este tipo de ferramentas para previr o abandono educativo e optimizar a xestión dos centros.
O Consello da Xunta aprobou a posta en marcha da primeira fase, considerada xa unha das iniciativas tecnolóxicas máis relevantes do país no ámbito educativo. O proxecto conta cun orzamento global de dezaseis millóns e medio de euros, dos que case dez proceden da Compra Pública Innovadora, converténdose no maior financiamento estatal logrado ata agora para unha proposta deste tipo. Desta partida, trece millóns e medio destinaranse ás dúas fases operativas: unha de servizos de I+D e outra de adquisición e despregadura das solucións.
O plan contempla o desenvolvemento dun ecosistema dixital integrado que permitirá aplicar analítica avanzada, sistemas de alerta temperá e ferramentas de simulación para apoiar a toma de decisións educativas. A integración das fontes de información facilitará a detección precoz de situacións de risco, como o abandono escolar, unha mellor asignación de recursos especializados e unha atención máis personalizada ao alumnado. «Alertar sobre o posible risco de abandono, saber que factores inflúen ou identificar que centros precisan máis recursos» serán algunhas das súas capacidades, apuntou Rueda.
Entre as novidades para estudantes e familias destaca a creación, por primeira vez, dun expediente académico dixital único que reunirá toda a traxectoria educativa do alumno. Tamén se habilitará un espazo de interacción entre centros, alumnado, familias e Administración para consultas e trámites, co obxectivo de ofrecer información máis áxil e personalizada. Ademais, a Administración poderá facer un seguimento preciso da evolución do abandono escolar mediante técnicas analíticas avanzadas.
EdugalIA estrutúrase en tres eixes principais: a modernización da gobernanza educativa, a creación do expediente dixital e a posta en marcha dun punto único de acceso á información relevante para alumnado e familias. No ámbito da gobernanza, o proxecto integrará datos procedentes de múltiples fontes para avaliar o impacto das políticas educativas e facilitar o labor dos departamentos de orientación a través da plataforma Galiorienta.
O expediente dixital incluirá información de identificación, escolarización, historial académico, necesidades educativas específicas e outros datos relevantes, acompañando ao alumno ao longo de todo o seu percorrido polo sistema educativo e facilitando as transicións entre etapas e centros. No terceiro eixe habilitarase un sistema unificado desde o que alumnado e titores poderán realizar consultas e trámites vinculados á súa relación coa Consellería, desde procedementos administrativos ata orientación en procesos como a solicitude de bolsas.
O proxecto deseñarase baixo estritos criterios de protección de datos, privacidade e xestión de permisos. Para garantir o seu rigor, a Xunta constituíu un grupo asesor multidisciplinar formado por especialistas das universidades galegas, centros de investigación, expertos en gobernanza educativa, pedagoxía, análise de datos e intelixencia artificial, que contribuíron á definición da arquitectura, indicadores, principios éticos e cuestións de seguridade.
Tras varios meses de traballo deste grupo, a Administración dá agora o primeiro paso formal: a contratación da fase de I+D prevista entre 2026 e 2028, seguida da implementación das solucións entre 2028 e 2030.