ABANCA fortalecerá o proceso de medre da tecnolóxica galega TokApp

xoves, 2 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Entre as nosas empresas TIC de meirande potencial de medre atópase TokApp, responsábel da ferramenta global do mesmo nome para facilitar e mellorar a comunicación empresarial, e tamén de TokApp School, aplicación destinada a evitar calquera tipo de incidencia comunicativa no ámbito escolar. Así o entende (así entende este potencial de TokApp) a entidade financeira ABANCA, que vén de integrarse neste proxecto empresarial co obxectivo de “acelerar a súa estratexia de negocio e de crecemento”. O apoio materialízase a través do programa de aceleración ABANCA Innova, creado para impulsar o desenvolvemento das novas tecnoloxías en Galicia.
En virtude disto, o banco galego fornece de financiamento a TokApp a través dun préstamo participativo convertíbel, de acordo á modalidade de investimento de ABANCA Invest. Segundo informa a entidade, esta operación de financiamento faise efectiva tras varios meses de traballo conxunto entre ambas as partes no ámbito da innovación, un labor “que permitiu identificar potenciais sinerxías para dar servizo e ofrecer solucións aos clientes e usuarios de TokApp”. ABANCA seguirá acompañando o empresarial durante a súa etapa de crecemento e valorará novas vías de apoio a medio prazo.
Como lembraremos, TokApp é unha start-up galega creada en 2013 que desenvolveu unha plataforma de mensaxería instantánea (tamén chamada TokApp) para que as empresas, institucións e asociacións teñan unha comunicación directa con todos os seus integrantes. A aplicación, que conta actualmente con máis de 500.000 usuarios, permite o envío de mensaxes ilimitadas (sen tope de caracteres nin de arquivos), coas funcionalidades de confirmación de lectura, rápida posta en marcha (o servizo ponse en funcionamento en cuestión de minutos), acceso desde calquera dispositivo con acceso a Internet, e seguridade (máxima privacidade dos datos).
Unha das solucións de TokApp máis espalladas é TokApp School, unha aplicación que posibilita a comunicación de profesores e centros educativos con pais e alumnos mediante mensaxería instantánea ilimitada, o que posibilita aforros de tempo e diñeiro ao prescindir das cartas e circulares.
Amais de todo isto, TokApp decidiu lanzarse recentemente á conquista de Latinoamérica, onde xa é unha aplicación plenamente afianzada en seis países do continente americano (México, Uruguai, Arxentina, Colombia, Costa Rica e Nicaragua).
Segundo fixo saber hai uns meses Javier Romero, o conselleiro delegado de TokApp, as previsións da compañía para 2018 incrementan os datos de 2017, ano no que foi quen de triplicar a súa facturación anual respecto de 2015. Para 2018, TokApp prevé chegar ao millón de usuarios e ter presenza activa en 20 países.

PUBLICIDADE