AGAFPU organiza un curso de comercio electrónico para emprendedores e profesionais das TIC e a comunicación

xoves, 3 de outubro do 2013 Redacción

A Asociación Galega para a Formación Publicitaria (AGAFPU) vén de informar que ten entre mans unha interesante actividade formativa para preparar aos nosos profesionais e empresas para o cada vez máis transitado (e potencialmente cheo de posibilidades empresariais) camiño do comercio electrónico. O curso, que se celebra os sábados 19 e 26 de outubro e 9 e 16 de novembro en Santiago de Compostela e en horario de mañá, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Lanzamento, Xestión e Marketing para Comercio Electrónico. As claves do éxito. A actividade vai dirixida a deseñadores web e responsábeis de comunicación, vendas en liña e mercadotecnia, amais de emprendedores interesados en mergullarse no mercado online ou en mellorar as súas vendas a través de estas canles tecnolóxicas.
O curso, en palabras dos responsábeis de AGAFPU, diríxese a dar a coñecer dun xeito práctico e ameno os coñecementos básicos para a posta en marcha e xestión dunha tenda de comercio electrónico. A clave será descubrir as principais ferramentas “para desenvolverse con éxito no xa estendido comercio electrónico español”, engade a asociación. As clases impartiranse os días devanditos no local que a plataforma profesional de formación publicitaria ten en Santiago, no número 42 da avenida Rosalía de Castro.

PUBLICIDADE