AGASOL e o Cluster TIC xuntan forzas

martes, 19 de decembro do 2017 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e o Cluster TIC Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para, entre outras cousas, facer fronte común a prol “da defensa e a mellora da competitividade do hipersector das tecnoloxías da información”. O acordo, de duración indefinida, incluirá actividades conxuntas e, de cara a todos os ámbitos sociais (cidadanía, institucións, empesariado, medios de comunicación), unha única faciana institucional. Esta voz unificada será asumida polo Cluster TIC.
Así o deron a coñecer no acto de formalización da alianza o presidente desta entidade, Antonio Rodríguez del Corral, e máis o presidente de AGASOL, Carlos Rodríguez. Segundo engadiron, o Cluster creará na súa organización interna (ao abeiro do acordo) un grupo de interese en software libre e tamén nomeará un portavoz neste eido, que participará nas reunións do seu comité de dirección. Polo que respecta ao papel que vai despregar AGASOL, a identidade e actividade de seu, a asociación manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se fará no seo da estrutura do Cluster e de forma aberta a todos os asociados. “Unha comisión paritaria de seguimento velará polo bo desenvolvemento do convenio”, explicaron.
O presidente do Cluster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, indicou que a sinatura supón “un importante avance de cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados”. Para o Cluster e para os clientes dos seus socios, engadiu, “é importante contar coa experiencia en software libre de AGASOL, porque cada vez máis proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das smart cities ou dos data centers execútanse total ou parcialmente en software libre”.
Pola súa parte, Carlos Rodríguez salientou que este acordo permitirá aumentar o interese e a importancia do software libre entre o tecido empresarial TIC de Galicia, “proporcionando solucións innovadoras feitas desde a nosa comunidade e reducindo a dependencia do software privativo, que non achega valor engadido”.
Segundo lembraron, o Cluster TIC representa un sector que dá emprego a máis de 17.000 persoas e ten unha facturación superior aos 3.000 millóns de euros. Pola súa parte, AGASOL está integrada pola maioría das empresas do ámbito do software libre de Galicia, moitas das cales contan cunha ampla presenza en mercados internacionais.

PUBLICIDADE