
Para AGEe, ademais, os servizos sen arela de lucro que ligan ás novas dos medios, servizos como a web galega Chuza.org, corren o risco de desaparecer por intereses privados. A pregunta da agrupación política galega foi elaborada, precisamente, logo de que representantes da Asociación Cultural Chuza! se puxeran en contacto con varias deputadas e deputados da Eurocámara a través dunha carta trasladándolles a súa preocupación. Este contacto, sinala AGEe, alentou á eurodeputada Lídia Senra a establecer unha xuntanza cos representantes da asociación, celebrada o mes pasado. Como froito do diálogo xerado, Senra fixo chegar á Comisión a súa pregunta parlamentaria co obxectivo (entre outros) de informar á CE da natureza e o alcance da Lei de Propiedade Intelectual estatal, “a través da cal sería aplicada esta taxa que provocaría que servizos de agregadores de noticias sen ánimo de lucro, como Chuza.org na Galiza, corran o risco de desaparecer sometidos á taxación arbitraria dun organismo privado”.
Dende AGEe, engadiu, “valoramos que a eliminación de servizos como o proporcionado por Chuza.org non só deterioraría a calidade informativa no Estado, senón que tamén suporía un agravio comparativo con respecto a outros países europeos”. Isto, explica AGEe, contradiría as premisas recollidas no Artigo 11 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE e o 10 do Convenio Europeo para a Protección dos DDHH e das Liberdades Fundamentais, que especifican o dereito a “recibir ou comunicar informacións ou ideas sen que poda haber inxerencia de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras””.
A xuízo de Lídia Senra, o Estado non está a cumprir coa Carta Europea de Linguas Minoritarias (CELM), xa que a imposición deste canon sobre servizos informativos en linguas minorizadas implica que pasa por riba da responsabilidade de velar para que non se impoña ningunha restrición á liberdade de expresión e circulación da información en linguas coma a galega.
AGEe denuncia ante a Comisión Europea o ataque ás linguas minorizadas da Taxa Google
Compartir Este Artigo
