AMEGA impulsa o uso do Fediverso cun obradoiro

luns, 30 de marzo do 2026 Redacción

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) deu un novo paso na promoción dun ecosistema dixital máis saudable coa celebración dun obradoiro formativo centrado no Fediverso como alternativa ás redes sociais tradicionais. A sesión, impartida polo especialista en comunicación dixital Joxe Rojas, levou por título Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sas.
A iniciativa permitiu aos profesionais dos medios achegarse a ferramentas que favorecen espazos dixitais máis éticos, descentralizados e respectuosos coa lingua e coa comunidade. Ao longo da xornada, os asistentes puideron crear os seus propios perfís en Mastodon, iniciando así un proceso orientado a reforzar a autonomía dixital e promover unha comunicación máis sostible.
O encontro contou tamén coa participación de Rafael Alcalde, administrador de Mastodon.gal, quen compartiu a súa experiencia na creación e dinamización dunha comunidade en galego dentro do Fediverso. Alcalde subliñou o potencial destas plataformas para consolidar a presenza da lingua galega no ámbito dixital.
Desde AMEGA destacan que esta actividade supón «poñer a primeira pedra para unha comunicación máis sa e en galego», apostando por un modelo mediático máis colaborativo e libre das dinámicas que condicionan a visibilidade dos contidos nas grandes plataformas. Ademais, animan aos medios en galego a integrarse neste tipo de redes para construír comunidade.
O obradoiro forma parte dun proxecto presentado á Deputación da Coruña co obxectivo de fortalecer os medios en galego e facilitar a súa adaptación ao novo contexto dixital. A actividade contou tamén coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cedeu as instalacións do CERSIA para o seu desenvolvemento.