AMTEGA ampliará a plataforma de acceso remoto aos postos de traballo do empregado público
martes, 10 de febreiro do 2026
O Consello da Xunta autorizou este luns 9 de febreiro a tramitación dun acordo marco que garante a continuidade, o mantemento e a ampliación da plataforma de virtualización de postos de traballo impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que permite aos empregados públicos acceder de maneira segura aos seus equipos e aplicacións corporativas, tanto desde o posto físico da oficina como en modalidade de teletraballo ou mobilidade.
Segundo explica a axencia, o acordo marco acabado de autorizar permitirá “garantir a continuidade deste servizo, asegurando a dispoñibilidade das licenzas necesarias e dos servizos de xestión e soporte da plataforma”. Ademais, este modelo de contratación posibilitará a ampliación progresiva das capacidades da plataforma en función do incremento das necesidades.
Actualmente dá servizo a 5.000 empregados públicos (1.500 do eido xudicial) e o obxectivo deste novo acordo marco é que a plataforma teña capacidade para atender ata 10.000 usuarios ao mesmo tempo.
O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un valor estimado de ata 8,6 millóns de euros. Está dividido en dous lotes, o de subministración de licenzas e o da prestación dos servizos de operación e soporte por un único empresario.
Lembrar que a plataforma púxose en marcha no ano 2022 como unha infraestrutura estratéxica para ofrecer “aos empregados públicos o acceso a un escritorio corporativo virtual único e homoxéneo, independente do dispositivo de acceso empregado, e accesible desde calquera localización que cumpra os requisitos de seguridade establecidos”, informou AMTEGA, salientando que dende aquela converteuse “nun elemento clave para o desenvolvemento do traballo en mobilidade e para a modernización da xestión dos postos de traballo dixitais da Administración autonómica.”
A plataforma de virtualización posibilita o acceso ás aplicacións corporativas sen necesidade de conexión mediante VPN nin de manter aceso o posto físico da oficina, mellorando a rapidez de acceso e optimizando o uso dos recursos de rede.
Entre as principais vantaxes da plataforma destacan tamén “a súa escalabilidade inmediata, que permite aumentar os recursos asignados aos postos de traballo sen intervención directa nos equipos dos usuarios, e a xestión centralizada das actualizacións de software e seguridade, que se realizan de forma uniforme e transparente, o que mellora a estabilidade do servizo e reduce incidencias”, salientou a axencia.
