AMTEGA cede preto de 130 equipos a entidades sen ánimo de lucro e centros educativos

mércores, 1 de abril do 2026 S. P.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, fixo entrega hoxe de 16 equipos informáticos, un encerado dixital e un proxector a catro entidades sen ánimo de lucro para facilitarlles a súa actividade. Este reparto enmárcase nun programa de cesión de equipamento tecnolóxico, que permitirá dotar de preto de 130 computadores, encerados e equipos periféricos a asociacións e entidades de toda Galicia.
En concreto, na xornada deste mércores 1 de abril, Rey entregou o equipamento á Asociación Cultural Escola Musical da Baixa Limia, á Sociedade Recreativa Musical da Banda Popular de Lobios e ás asociacións veciñais de Eira e Fondevila. As entregas continuarán ao longo do ano en diferentes fases.
A cesión deste material, propiedade da Xunta, está enmarcado no convenio de colaboración para a xestión do plan de reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT, subscrito pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
O programa ten como finalidade “promover o software libre e a soberanía dixital, potenciar o uso e consumo responsable dos equipos electrónicos e favorecer o alongamento da súa vida útil mediante a reutilización para diminuír os residuos electrónicos”. AMTEGA fai saber que a cesión “tamén contribúe á redución da fenda dixital e á promoción dunha sociedade dixital máis igualitaria, así como á mellora do acceso a medios tecnolóxicos para o fomento do talento dixital”.
Seguindo o dito fío, a axencia está a impulsar a reutilización de equipos informáticos e o alongamento da súa vida útil en todos os ámbitos a través do uso de software libre.
Desde 2014, a AMTEGA e a FEGAMP veñen colaborando na promoción dos coñecementos e competencias dixitais da cidadanía e o impulso da innovación social dixital a través da colaboración e participación, para xerar emprego local e novas oportunidades para emprendedores locais, vencelladas á innovación social dixital.
Os acordos entre a Xunta e os concellos en materia de inclusión dixital permiten a actividade de 93 aulas CeMIT localizadas en máis de 90 municipios, repartidos por toda Galicia. Contan con máis de 120.000 usuarios, que participaron en máis de 600.000 horas de formación.