Aberto o concurso para deseñar a camiseta de Galiciencia 2026, centrada na IA

luns, 9 de febreiro do 2026 S. P.

Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade impulsa polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e cuxa nova edición celebrarase os días 13, 14 e 15 de maio (en colaboración coa Consellería de Economía e Industria), vén de convocar o concurso de deseño da camiseta oficial da feira.
Este certame diríxese a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición, que é a ciberseguridade. O prazo para presentalas remata o vindeiro 16 de marzo.
Os alumnos e alumnas que desexen participar deberán enviar, a través do seu centro educativo, un correo electrónico cos seus deseños escaneados a galiciencia@tecnopole.gal. Tamén se poden presentar os orixinais na recepción de Tecnópole, xa sexa en persoa ou por correo postal.
Cada persoa poderá presentar ata un máximo de dous deseños, que deberán ser orixinais e inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame. Entregaranse nun folio tamaño A4 e o deseño deberá ocupar polo menos a metade do folio e realizarse sobre fondo branco. Cómpre indicar o título da obra -que ha de ser anónima-, o centro educativo ao que pertence, xunto a un teléfono de contacto e correo electrónico do/a docente ou titor/a do alumno/a participante.
Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora, que se fará pública a través da páxina web e das redes sociais de Galiciencia. O premiado recibirá camisetas para toda a súa clase de Primaria, con exemplares tamén para os seus docentes e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización e entre o alumnado que expoña os seus proxectos na feira.