Ábrese á inscrición á vindeira edición de Coruña Bloggers

luns, 13 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 22 de febreiro será a sétima edición de Coruña Bloggers, encontro con carácter solidario (os asistentes deben acudir cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica) que xunta a interesados no mundo dos blogs para asistir a dous relatorios formativos e continuar logo cunha sesións de networking nun local hostaleiro próximo.
Para poder acudir a este evento abriuse hoxe a inscrición, recomendándose que se realice a reserva de praza o antes posible, xa que desta volta o encontro non terá lugar no salón de actos da Fundación Barrié, senón noutra sala do mesmo edificio, cunha capacidade máxima para 100 persoas, polo que o aforo é inferior ao habitual.
Os relatores desta nova edición de Coruña Bloggers serán Marta Falcón, deseñadora de servizos, e Víctor Salgado, avogado especialista en dereito informático e comunitario, que abordarán temas tan interesantes como o xeito de atopar a diferenciación dun blog e como ter un blog que respecte a lexislación actual.
Completará a xornada un sorteo con agasallos achegados pola tenda en liña Opirata.com, dun par de sesións fotográficas, dun lote de produtos de beleza e dun curso de creación de blogs.

PUBLICIDADE