Alén Space confirma probas do satélite SatMar na Baía de Alxeciras

martes, 23 de decembro do 2025 S. P.

A firma galega Alén Space, con sede en Nigrán, confirmou que a primeira campaña de pilotos demostradores da tecnoloxía VDES (VHF Data Exchange System) no seu satélite SatMar foi completada. A pasada semana se testaron diferentes casos de uso na contorna marítima, xunto á tamén galega EGATEL e coa colaboración da Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras (APBA).
O primeiro piloto demostrador permitiu intercambiar mensaxes entre un buque e o centro de control portuario para optimizar os tempos de tránsito, reducir emisións e mellorar a coordinación portuaria. Nun segundo piloto probouse o envío de datos ambientais e oceanográficos desde unha embarcación á deriva (simulando o comportamento dunha boia off-shore), un exemplo do tipo de aplicacións que a tecnoloxía VDES permitirá habilitar, con equipos de baixo custo e utilizando unha
canle de comunicacións segura e pensado para a contorna marítima.
Ademais, Alén Space realizou unha demostración da recepción de mensaxes AIS (Automatic Identification System) de longo alcance desde o satélite SatMar, o que permite seguir a calquera buque mesmo cando se atopa fóra da cobertura das estacións costeiras.
Antes de final de 2025 executarase o último piloto desta campaña, que contará coa colaboración da empresa Oritia & Boreas, que instalará un terminal de transmisión VDES nunha das súas estacións meteorolóxicas da Baía de Alxeciras.
Alén Space, xunto con EGATEL e outros colaboradores, continuará realizando outras campañas de demostración e pilotos en diferentes portos e para diferentes casos de uso nos vindeiros meses.
En órbita desde hai cinco meses
SatMar foi posto en órbita o 23 de xuño de 2025 nun foguete Falcon 9 de SpaceX e nesa data Alén Space estableceu o primeiro contacto co satélite xa en órbita. Desde entón realizouse a fase de validación do funcionamento dos diferentes subsistemas e cargas útiles.
O obxectivo principal de SatMar é abrir unha nova era para o sector marítimo coa demostración en órbita da viabilidade do estándar de comunicacións VDES, chamado a substituír no futuro ao actual sistema AIS (Automatic Identification System).
Esta nova tecnoloxía permite comunicacións bidireccionais vía satélite na banda VHF, mesmo en zonas afastadas da costa. As novas funcionalidades que ofrece o estándar VDES tamén supoñen unha importante mellora da eficiencia, seguridade e sustentabilidade do tráfico marítimo, e novas posibilidades de servizos dixitais en contornas portuarias.
Desenvolvido integramente por Alén Space, o satélite SatMar forma parte dun proxecto no que participa como socio a empresa EGATEL e que conta coa colaboración do centro tecnolóxico vigués Gradiant. A iniciativa foi financiada polo fondo Ports 4.0, un programa de apoio á innovación no sector marítimo impulsada por Portos do Estado e polas Autoridades Portuarias Españolas.
O nanosatélite de tipo 6U operará sobre España e as súas augas circundantes, con casos de uso desenvolvidos en colaboración coa Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras e con outras empresas do sector, como Oritia & Boreas.
Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) de Alén Space, mostrou a súa satisfacción cos resultados dos primeiros pilotos do proxecto: “SatMar demostrou a súa capacidade para ofrecer comunicacións bidireccionais baixo o estándar VDES nunha contorna marítima real. As funcionalidades probadas están chamadas a mellorar dun modo substancial a eficiencia, a seguridade e a sustentabilidade do tráfico marítimo, á vez que abren novas posibilidades para a prestación de servizos dixitais no mar. O VDES satelital garante que as embarcacións manteñan comunicacións continuas con terra firme mesmo en alta mar, poidan recibir alertas de emerxencia e dispoñan de información operativa actualizada para a optimización de roteiros, contribuíndo así á redución do consumo de combustible e das emisións asociadas”.