Alén Space lidera un proxecto da ESA para detección de interferencias de radiofrecuencia desde o espazo
martes, 10 de febreiro do 2026
Un consorcio internacional liderado pola empresa galega Alén Space, no que participan GMV (España e Polonia), WideNorth e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), foi seleccionado pola Axencia Espacial Europea (ESA) para o desenvolvemento dun proxecto para a detección e monitoraxe desde o espazo de interferencias de radiofrecuencia (RFI, polas súas siglas en inglés).
A iniciativa desenvólvese no marco do programa FutureEO e está financiada pola Axencia Espacial Europea, co obxectivo concreto e específico de “desenvolver un prototipo capaz de identificar e xeolocalizar fontes de interferencia na superficie da Terra nun amplo rango de frecuencias, comprendido entre 1 e 40 GHz”.
Segundo informa Alén Space dende a súa sede de Nigrán, o proxecto aborda un dos retos actuais do sector espacial: a protección do espectro radioeléctrico fronte a interferencias que poden comprometer o funcionamento de satélites de observación da Terra e doutros sistemas espaciais críticos. “Para iso, o consorcio desenvolverá un prototipo do satélite en formato CubeSat, concibido exclusivamente para a súa validación en terra, que permitirá avaliar as capacidades da carga útil e os algoritmos asociados para a detección e xeolocalización de interferencias”, sinalou a firma galega.
Alén Space, como empresa pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías de monitoraxe do espectro, é responsable da coordinación. Entre as súas tarefas inclúense o deseño preliminar da plataforma, a fabricación do prototipo de laboratorio do satélite e da carga útil, e o desenvolvemento da aplicación embarcada para a detección e identificación de interferencias.
Así mesmo, encargarase da realización das probas necesarias para a demostración de funcionalidade da carga útil, baseada en TREVO, a radio definida por software (SDR) de alto rendemento desenvolvida pola firma galega.
O consorcio internacional está formado por entidades de España, Noruega e Polonia. Xunto a Alén Space, participan WideNorth, encargada do deseño, fabricación e verificación dos frontends de radiofrecuencia que formarán parte do prototipo da carga útil; GMV Polonia, responsable da análise de misión e da simulación completa do sistema; GMV España, que definirá os requisitos dos algoritmos de terra e levará a cabo as campañas de ensaios; e a Universidade Politécnica de Madrid, que deseñará e desenvolverá os algoritmos de xeolocalización de interferencias desde o segmento terreo.
“Este contrato reforza o posicionamento do consorcio como referente no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de monitoraxe do espectro e supón un paso relevante para ampliar o abano de solucións espaciais orientadas á protección de activos en órbita e ao impulso de futuras constelacións especializadas”, engadiron dende a dirección de Alén Space, apuntando que o proxecto “xa está en marcha e ten unha duración prevista de 24 meses, a partir do 1 de decembro de 2025”.
