Altia pon en marcha unha iniciativa para promover a sustentabilidade e universalidade TIC: Punto.tech

luns, 11 de xullo do 2022 S. P.

A empresa galega Altia, a través do seu equipo solidario e responsábel Altia in_action puxo en marcha un proxecto para crear “impacto positivo na sociedade a través da tecnoloxía”. Trátase de Punto.tech, que xorde directamente da posibilidade de dar unha segunda vida aos equipos informáticos que foron substituídos dentro do proceso de renovación tecnolóxica dos postos de traballo que realizou a compañía.
“Con esta reutilización e doazón do equipamento”, explica Raquel Costas, coordinadora do dito equipo, Altia logra por unha banda prolongar a vida dos equipos optimizando os recursos e avogando pola reutilización e a sustentabilidade nun marco ambiental responsábel, e por outra, apoiar a distintas entidades sociais”.
Costas engade que esta iniciativa nace coa vocación de apoiar accións para “potenciar a eliminación da fenda dixital que pode profundar as desigualdades sociais, na medida que as persoas máis vulnerábeis, vexan limitada a súa participación no mundo dixital”. Dun xeito máis específico, apunta, “o obxectivo é colaborar en mellorar as aulas dalgunhas entidades para potenciar os reforzos escolares, ou o acceso ás Tecnoloxías da Información para persoas en clara situación de risco social, ademais de fortalecer as competencias dixitais dos posibles usuarios de Punto.tech”.
Actualmente o equipo de Altia atópase en contacto con varias ONG e asociacións para poder formalizar as doazóns dos equipos informáticos reacondicionados e pór en marcha distintos punto.tech que poderán utilizar nas iniciativas e servizos que prestan ás persoas que acoden a elas.

PUBLICIDADE