Amazon Luna permitirá gozar dos xogos de GOG

luns, 18 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Hai 4 meses chegou a España a plataforma de xogo na nube de Amazon, Luna, que facilita aos xogadores con subscrición Prime o xogo a unha pequena selección de xogos, coa posibilidade de ampliar este catálogo contratando certos servizos de subscrición ou adquirindo xogos de Ubisoft na súa tenda en liña. Deste xeito podemos gozar de moitos títulos en distintos no ordenador, nunha tableta, nun smartphone ou mesmo nun televisor sen ter que adquirir unha consola de videoxogos, xa que os xogos corren directamente na nube. Esta solución incluso permite aproveitar os mandos que xa teñamos (aínda que tamén ofrece a posibilidade de adquirir un mando específico que mellora a experiencia de uso).
Aínda que este servizo podería correr a mesma sorte que Google Stadia, semella que non será así grazas aos acordos aos que está a chegar Amazon, e, do mesmo xeito que hoxe podemos gozar dos títulos de Ubisoft en Luna, veñen de anunciar que incluirán os xogos de GOG, tenda de xogos para PC que conta cun catálogo moi amplo de xogos (clásicos na súa meirande parte), de xeito que, poderá gozarse a través de streaming tanto de títulos que precisan de grande potencia como Cyberpunk 2077, como de vellos xogos para PC que aínda funcionaban en MS-DOS, aínda que tampouco faltará quen queira aproveitar para gozar de xogos que inicialmente saíron para consola, como God of War, Horizon Zero Dawn, Days Gone ou Uncharted: Legacy of Thieves Collection (que estes días están de rebaixas).
Estamos ante unha asociación que mellora considerablemente a oferta de valor de GOG (xa que todos os xogos que merquemos nesa plataforma poderemos xogalos a través de Luna) e tamén incremente as posibilidades de Luna (evitando que a plataforma sexa ignorada como aconteceu con Stadia).
Espérase que os xogos de GOG cheguen a Amazon Luna en breve, aínda que polo momento non detallan a data exacta deste grande pulo para a plataforma de streaming de xogos de Amazon.

PUBLICIDADE