American McGee prepara un xogo inspirado no mundo de Oz

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A reinterpretación dos contos de Alicia no País das Marabillas por parte de American McGee foron todo un éxito no mundo dos videoxogos, que hai 3 anos rexurdiron co título Alice: Madness Returns, e agora o mesmo artista quere repetir a fórmula e dar a súa particular perspectiva e estética ao Mago de Oz, cunha aventura inspirada no mundo creado por L. Frank Baum, pero situada moito tempo despois dos libros ambientados neste universo fantástico, no que a tataratataraneta de Dorothy, co mesmo nome de pía, deberá enfrontarse ao Espantallo para salvar Oz.
Nesta orixinal historia o clásico Espantallo toleou e quixo erradicar a maxia de Oz, traendo unha nova era na que “a vida importa porque hai morte” e creando unha lexión de mortos viventes que son a causa de que este xogo responda ao nome de OZombie. O reto de Dorothy non será só acabar co Espantallo, senón tamén reverter o dano que fixo a Oz.
American McGee xa intentara facer un videoxogo inspirado en Oz, pero Atari cancelouno, e agora, xunto co estudio Spicy Horse Games (responsables de xogos baseados en deseños de American McGee como Alice: Madness Returns ou Akaneiro: Demon Hunters), pretende superar o reto a través dun proxecto de Kickstarter no que queren xuntar 950.000 dólares en 42 días, o que parece bastante posible, pois xa superaron os 100.000 dólares e 2.000 mecenas no seu inicio. O xogo estará en terceira persoa, terá elementos de rol e exploración xunto con combates baseados en q quendas e desenvolverase con tecnoloxía Unity3D (o que facilitará que saia para PC, Mac, Linux e tablets).


Vídeo de presentación do proxecto de Kickstarter

PUBLICIDADE