Ames impulsa o intercambio de versos nas redes sociais para celebrar o Mes de Rosalía
mércores, 18 de febreiro do 2026
O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas vén de publicar a programación das actividades que se levarán a cabo durante este mes de febreiro para conmemorar o Mes de Rosalía. A principal novidade deste ano é a creación da Rede de Rosalía, unha proposta para compartir vídeos ou publicacións con versos rosalianos nas redes sociais co cancelo #RosalíaDeAmes e ir tecendo colectivamente a rede de Rosalía. Pódese consultar a programación completa na web municipal.
Todas as persoas que suban vídeos ou publicacións con textos rosalianos ás redes etiquetados co cancelo #RosalíaDeAmes participarán no sorteo de cinco exemplares do libro Cantares Miúdos, unha escolma de poemas realizada por Rita Bugallo, ilustrada por Andrea López e editada pola Fundación Rosalía de Castro.
Existen varias opcións para participar nesta iniciativa:
1.-Subindo un vídeo ás redes recitando a Rosalía co cancelo #RosalíaDeAmes.
2.-Facendo unha publicación con versos de Rosalía etiquetados co cancelo #RosalíaDeAmes.
3.-Descargando a imaxe de Rosalía e escribe uns versos sobre ela e publícaa co cancelo #RosalíaDeAmes.
Na web municipal achéganse tamén modelos de deseño para compartir versos rosalianos en diferentes formatos nas redes sociais co cancelo #RosalíaDeAmes.
A programación do Mes de Rosalía en Ames busca a participación da veciñanza “cunha ampla variedade de actividades transversais para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova, coa pretensión tamén de estimular e dinamizar o uso do galego achegando referentes comprometidos co uso da lingua propia”.
