Amosan en vídeo a mecánica de xogo de XCOM

luns, 29 de agosto do 2011 Marcus Fernández

A saga de xogos de estratexia X-COM foi un grande éxito nos anos 90, e agora que 2K Games anunciou que ía devolvela á vida no primeiro trimestre de 2012 en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, moitos temían que se desnaturalizase a franquía adoptando a forma dun xogo de acción en primeira persoa, pero os incondicionais da franquía pode que respiren un pouco máis tranquilos ao ver un vídeo de máis de 22 minutos no que detallan como é o xogo que, pese a ter compoñentes de shooter, non prescindirá de elementos tácticos que enriquecerán enormemente a loita contra unha invasión alieníxena na que poderemos ir capturando a tecnoloxía dos rivais para mellorar o noso arsenal e así poder derrotar ao inimigo do espazo exterior.
O punto forte do xogo será a ambientación e a historia, pois o novo XCOM será unha reimaxinación da saga anterior, que devolveranos a 1962, cando se creou a organización XCOM para facer fronte á ameaza alieníxena, para o que tomaremos o papel do axente especial William Carter, o que permitirá un achegamento moi cinematográfico a esta aventura moi prometedora.


Vídeo que adianta o sistema de xogo do novo XCOM

En XCOM tomaremos o papel de Willam Carter, un axente especial que terá que facer fronte a unha invasión alieníxena

PUBLICIDADE