Amosan na Coruña o novo sistema de control de movemento para Xbox 360: Kinect
martes, 26 de outubro do 2010
Durante a xornada
de hoxe, Microsoft presentou no Hotel Hesperia Finisterre para a prensa e os
comerciais locais o novo accesorio chamado a revolucionar a consola doméstica
Xbox 360 ao engadirlle un sistema de control de movemento que non precisa
mando, Kinect, froito do moi
comentado proxecto Natal, e que está composto por unha cámara que detecta os
movementos do xogador, pode orientarse de xeito automático e integra micrófono
para recoñecer ordes orais (característica que non estará dispoñible ata
primavera).
Tecnoloxicamente estamos ante un concepto sinxelo de entender, pois podemos
entender que estamos ante unha solución coma o Eye Toy para as consolas de
Sony, pero cunha diferenza substancial: Kinect non recoñece siluetas, senón o
corpo enteiro. Temos así unha solución que converte o corpo do usuario no
mando, e que detecta a profundidade, o que permite que xogos coma os que
podiamos ver ata o momento na Wii de Nintendo (ou nunha PS3 equipada con
PlayStation Move), agora poden gozarse na Xbox 360 cuns gráficos de alta
definición e unha precisión inédita para un sistema sen controis físicos,
detalle que dá moita liberdade aos xogadores, que ven a experiencia fronte a
consola como unha festa.
Kinect vai máis aló dos videoxogos, e o sistema de detección de movementos co
que conta serve para manexar os propios menús da consola de Microsoft, mentres
que a súa cámara tamén pode aproveitarse para o establecemento de
videoconferencias con usuarios do MSN Messenger (cos que tamén poden
compartirse, por exemplo, galerías fotográficas). A reprodución multimedia
tamén xogará un papel importante en Kinect, de xeito que podemos aproveitar
toda esta tecnoloxía para manexar os nosos vídeos con xestos ou con ordes
orais, tecnoloxía que no futuro podería integrarse en sistemas de cine en casa.
Pero saber o que é Kinect e probalo son cousas moi diferentes, de aí que
Microsoft teña que esforzarse en dar a coñecer este dispositivo que porán á
venda o vindeiro 10 de novembro por preto de 150 euros (estando tamén
dispoñible un paquete cunha Xbox 360 con Kinect por uns 300 euros, facilitando
a súa estrea nos fogares na campaña de Nadal, pois moitos entenderán Kinect
como toda unha consola nova).
- Os usuarios que non conten con azafatas que os asistan nas súas partidas poderán atender aos múltiples asistentes que teñen os xogos de Kinect
No evento coruñés puidemos ver algúns dos máis de 15
xogos iniciais que conformarán o catálogo de Kinect, e que nun principio
terán un prezo reducido (uns 50 euros) e a súa caixa será de cor púrpura en vez
do clásico verde da Xbox 360, para facilitar a identificación dos xogos
exclusivos para Kinect. Concretamente estaban dispoñibles para a súa cata versións de demostración de Kinect Adventures (divertido xogo que
virá de balde con Kinect), Kinectimals
(título infantil que presenta mascotas virtuais en pantalla para entreter aos
máis cativos), Kinect Sports (a
opción máis previsible para este tipo de tecnoloxía, que conseguiu un acabado bastante
convincente), Kinect Joy Ride (xogo
de coches que podería compararse con Mario
Kart, pero que destaca por xogarse con todo o corpo, o que pode non agradar
a todos os xogadores, aínda que para competir con amigos que non queiran
complicarse a vida aprendendo mecánicas de xogo avanzadas resulta ideal), Your Shape: Fitness Evolved (un grande
xogo de exercicios que combina xogos cun adestrador persoal) e, nunha posición
moi especial, Dance Central, o que a
meirande parte da crítica considera que vai ser o vende Kinects, ao levar os xogos de baile un paso adiante, de
xeito que en vez de limitarse a controlar os pés do usuario, leva conta dos
movementos de todo o seu corpo, o que tradúcese nunha experiencia tan completa
como divertida, que conta cun catálogo de 32 cancións elixidas polas súas
posibilidades bailables (sendo a
meirande parte dos temas da última década).
Os que non queiran agardar ao lanzamento oficial de Kinect, poderán achegarse
os vindeiros días 5 e 6 de novembro ao centro comercial Dolce Vita de A Coruña
para probar en vivo esta revolución que pode converterse nun dos grandes
éxitos do Nadal.
Momentos da presentación de Kinect en A Coruña
- Lidia Pitzalis, a responsable de prensa de Retail e Consumo de Microsoft atendeu ás dúbidas dos xornalistas durante toda a xornada
- O Kinect é doado de instalar, pois non ten máis misterio que conectar a webcam á Xbox 360 por USB
- Os xogos de Kinect terá caixas de cor púrpura, deixando de lado o clásico verde dos xogos de Xbox 360
- Os usuarios que non conten con azafatas que os asistan nas súas partidas poderán atender aos múltiples asistentes que teñen os xogos de Kinect
- Sorprende que o calibrado de Kinect sexa tan sinxelo como erguer a man fronte a cámara
- Kinect Adventures permite cooperar ou competir con amigos a base de movementos laterais e saltos
- Joy Ride é o máis parecido que podemos atopar a un Mario Kart sen mando