Ampla presenza das TIC nos premios á innovación empresarial da Universidade de Santiago
mércores, 22 de xuño do 2011

- Os integrantes do proxecto gañador do primeiro premio/ Foto de Santi Alvite
A edición número once do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores
da Universidade de Santiago ten sabor tecnolóxico-dixital. De feito, o primeiro premio foi dar
un proxecto que axunta recursos lingüísticos e ferramentas informáticas. Todo
isto encamiñado a unha das grandes materias pendentes do noso tempo, por moito
que se teña avanzado dende xigantes como Google ou Yahoo!: afinar ao máximo as
buscas e conseguir que a operación de procura sexa de verdade rendible entre
tanta información que non vale ren. O proxecto, que se encamiña á creación de
motores de busca en corpus lingüísticos, vén da man da firma Cilenis, impulsada
dende os viveiros da USC, tendo o seu xermolo no labor de investigación do
grupo GE/ProlNat (Procesamento da Lingua Natural) de Filoloxía.
A iniciativa empresarial, aínda un proxecto en desenvolvemento con
potencial importante de negocio (cousa que valorou especialmente o xurado), está
a piques de entrar nunha nova fase de traballo, tirando partido das novas
tecnoloxías aplicadas á lingua para a recuperación de datos e procura de
recursos lingüísticos para o deseño de novos recursos en galego, portugués,
castelán, inglés e francés.
O premio foi entregado polo reitor Juan Casares no transcurso dun acto
institucional, de peche da edición 11 do certame, desenvolvido no Colexio de
San Xerome. Para recoller a distinción acudiron tamén os responsables do
proxecto, entre os que se contan Pablo Gamallo, doutor pola USC; Marta Muñoz e
Iria del Río, licenciadas pola Universidade de Salamanca; Marcos García,
licenciado da USC; Isaac José González, enxeñeiro técnico da Universidade da
Coruña; Luis Magariños, licenciados da Universidade de Vigo. Os impulsores
desta idea empresarial recibiron un premio de 5.000 euros máis a opción de
acceder a outros 24.000 de préstamos participativo a cargo de Unirisco Galicia
SRC.
Sobre os restantes galardóns, cómpre subliñar o recoñecemento dado a
Biostat, que se fixo co segundo premio (3.000 euros) e co galardón especial
Muller Emprendedora polo gran potencial da súa proposta, unha empresa
especializada na achega de servizos de bioestatística para os sectores ligados á
investigación médica, biolóxica e científica en xeral, buscando tirar proveito
do interese cada vez maior na formación no eido estatístico asociado á I+D. Trátase
dun proxecto que abrolla do grupo multidisciplinar GRID ECMB (Grupo
Interdisciplinario de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía). Tras esta
iniciativa atópanse a catedrática da USC Carmen Cadarso; o doutor en Bioloxía
pola USC, Vicente Lustres; a licenciada en Matemáticas pola USC, Isabel Mª
Martínez; e a diplomada en Estatística pola Universidade de Salamanca, Altea
Lorenzo.
O Premio Empresa Xove, que supón a entrega de 2.000 euros, recaeu nesta
edición en www.plasae.com,
portal web orientado ás pequenas e empresas do que xa temos falado polo miúdo
en Código Cero (con motivo da súa
presentación en Santiago) e que entre outras cousas oriéntase a facilitar a
optimización, no seo das empresas, de todo o material tecnolóxico e de
programación ao que dean acubillo, sinalando que se pode potenciar e que
suprimir e achegando informes constantes de recursos e viabilidades para a toma
de decisións. Este é un proxecto que
promove o licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC José
Higinio García, que ademais contará coa participación como socios estratéxicos
do catedrático da Universidade da Coruña Antonio Grandío, e de Cokidoo,
Planificación Jurídica, Audicon, Wike e de Microsoft.
A maiores dos premios entregados, a licenciada pola USC Ana Paula
Martínez recibiu o galardón na categoría Proxecto Emprendemento Social (2.000
euros) por CAFI. Psicoloxía, familia e
adopción, entendido como “un centro
de atención familiar e infantil que oferta servizos psicolóxicos destinados ás
familias e persoas que a título individual necesiten axuda especializada para
resolver problemas de índole intrapersoal ou relacional”, informa a USC.
