Android for Work estrea aplicación

xoves, 16 de abril do 2015 Marcus Fernández

Android 5.0 inclúe ferramentas para facilitar a administración de terminais móbiles dentro da empresa, pero para espallar estas funcionalidades entre un meirande número de dispositivos dende Google publica na súa tenda de aplicacións Android for Work.
A nova aplicación permite que os administradores de sistemas poidan integrar o smartphone do traballador na empresa, separando no dispositivo os datos profesionais dos persoais, controlando a distribución de aplicacións e incluso permitindo que os administradores poidan facer un borrado remoto dos datos da empresa.
A información profesional almacénase no terminal de xeito cifrado, o que tamén afectaría a ferramentas de produtividade, aplicacións de terceiros e aplicacións desenvolvidas dentro da empresa, encargándose a aplicación de Android for Work de facer funcionar estas ferramentas profesionais de xeito efectivo.
Cómpre destacar que estamos ante unha aplicación para Android 4.x, xa que os terminais con Lollipop xa contarían coas funcionalidades que achega de xeito predeterminado.

PUBLICIDADE