Anxo Carracedo, protagonista do podcast Quedamos para un café

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

Este martes 24 de outubro a Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolleu a gravación do podcast Quedamos para un café, dirixido por María José Bermúdez, Seu. A cita incluíu unha mesa redonda con distintos podcasters. O convidado principal foi o investigador Anxo Carracedo, catedrático de medicina legal e experto en xenética. O alcalde Blas García acudiu ao acto de apertura onde destacou a importancia que está tendo na actualidade a radio online, á carta. O evento realizouse de 17.00 a 20.00 horas e estivo aberto a todos os públicos. Contou coa colaboración do Concello de Ames e de Raiola Networks.
Coa colaboración do Concello de Ames, este programa realizouse en directo dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Seu, no transcurso do programa, mostrou o agradecemento ás persoas que axudaron para facer posíbel este podcast e celebrou que o “auxe e crecemento do podcasting fixo posíbel que os apaixonados da comunicación expresasen as súas ideas sen barreira algunha”.
O alcalde de Ames, Blas García, acudiu ao acto de apertura onde se destacou como un oínte máis da radio e un gran admirador do formato podcast, un formato que revolucionou este medio por completo. O edil tamén anunciou que “Ames, a través da súa radio cidadá empezará a dar espazo ao podcast e ás oportunidades que nos brinda este novo formato”.
Logo celebrouse a mesa redonda na que participaron Leo Menéndez e Paula Morais, todos eles podcasters. Cada un deles falou dos seus proxectos, do que lle aportan persoal e profesionalmente e de cales son os seus programas en liña favoritos.
Dende as 18.00 ata as 19.00 horas realizouse a gravación do episodio 40 que estivo protagonizado por Anxo Carracedo. Nesta conversa Seu, abordou con Carracedo diferentes aspectos da súa vida profesional e persoal.
Quedamos para un café é un podcast dirixido por María José Bermúdez, Seu, asistente virtual, produtora de podcasts e editora de audio. Leva en emisión dende maio de 2021, e acumula 38 programas en emisión. Nel, Seu aborda experiencias de vida, conversando con persoas ás que admira e respecta.