Apple adquire MotionVFX

luns, 16 de marzo do 2026 Redacción

Apple vén de adquirir a compañía MotionVFX, especializada no desenvolvemento de complementos, moldes e efectos profesionais para o software de edición de vídeo Final Cut Pro (así como de Adobe Premiere Pro/After Effect e DaVinci Resolve). A operación, confirmada pola propia empresa polaca, non inclúe polo momento detalles sobre o importe económico da transacción.
Fundada en Varsovia en 2009, MotionVFX converteuse nun dos desenvolvedores máis recoñecidos de ferramentas avanzadas para editores de vídeo que traballan co software profesional de Apple. O seu catálogo inclúe efectos visuais, gráficos animados e moldes que amplían as capacidades de Final Cut Pro, Motion e outros produtos creativos da compañía da mazá, ofrecidos a través de diferentes plans de subscrición que parten de arredor de 29 dólares ao mes.
Nun comunicado publicado na súa web oficial, MotionVFX expresou o seu entusiasmo pola integración na estrutura da empresa de Cupertino. «Estamos extremadamente emocionados de compartir que MotionVFX se une ao equipo de Apple para continuar apoderando aos creadores e editores para que poidan facer o seu mellor traballo», sinalou a compañía. O estudio lembrou que durante máis de quince anos traballou coa intención de crear contidos e efectos visuais de primeira categoría para editores de vídeo, apostando sempre pola calidade, a facilidade de uso e o bo deseño.
A integración de MotionVFX podería reforzar a posición de Apple no mercado das ferramentas profesionais de edición de vídeo, resultando especialmente interesante esta posibilidade no escenario aberto a primeiros de ano, cando a compañía de Cupertino integrou nun servizo de subscrición as súas ferramentas creativas, polo que reforzar o servizo coas posibilidade que achegaría MotionVFX podería ser un bo incentivo para que os usuarios adquiran unha subscrición de pagamento.