Apple pausa os resumos de notificacións de novas mediante IA

xoves, 16 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Os grandes erros de Apple Intelligence ao resumir notificacións de aplicacións informativas denunciados por medios como a BBC levaron a que por fin Apple actuase para non continuar a desinformar aos seus usuarios con titulares falsos atribuídos a medios solventes, de xeito que están a pausar os resumos de notificación de IA para noticias e aplicacións de entretemento. Ademais, a empresa está a introducir cambios nos resumos de notificación no seu conxunto para permitir unha maior transparencia.
Coa última versión preliminar de iOS 18.3, iPadOS 18.3 e macOS Sequoia 15.3, Apple está desactivando os resumos de notificación por completo para todas as aplicacións de entretemento e novas, coa intención de volver habilitalos nunha futura actualización tras corrixir un funcionamento inaceptable de Apple Intelligence.
Apple tamén comezará a notificar aos usuarios que a función de resumos de notificación é unha característica beta cando habilitan a función, para que sexan conscientes de que poderá cometer erros importantes.
Este cambio por parte de Apple resulta un tanto sorprendente, pois anteriormente Apple aseguraba que ía limitarse a indicar que os resumos estaban realizados por IA, como un xeito de xustificación, o que parecía unha medida irresponsable, pois resulta difícil de entender a divulgación de novas falsas argumentando que o sistema de resumos está en probas (pois se está dispoñible para millóns de usuarios como unha función do sistema operativo máis debería ter un mínimo de fiabilidade).