Apple responde á denuncia de Spotify ante a Comisión Europea

venres, 15 de marzo do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 70 KB
A intermediación de Apple nos pagamentos é un dos grandes problemas que denuncia Spotify, xa que afecta directamente aos consumidores

A denuncia de Spotify a Apple ante os organismos de competencia da Comisión Europea non deixou indiferente á compañía de Cupertino, que non tardou en realizar un comunicado público para dar a súa versión dos feitos denunciados, asegurando que o obxectivo de Spotify é «manter todas as vantexes do ecosistema da App Store (..) sen facer ningunha contribución a este mercado». Sosteñen que Spotify agocha «motivacións financeiras mediante unha retórica enganosa».
Dende Apple aseguran que colaboraron con Spotify en moitas ocasións á hora de lanzar distintas versións das súa aplicación móbil, e incluso aseguran terse posto en contacto con Spotify para falar da compatibilidade do servizo con Siri e AirPlay 2. Tamén aseguran que só cobra comisións polos bens e servizos dixitais que se adquiren dentro das apps empregando o seu sistema seguro de compra, co que nas subscricións cobra o 30% durante o primeiro ao e o 15% en anos posteriores (denunciando que este último detalle non o menciona Spotify). Salientan que a meirande parte dos usuarios empregan a versión de balde con publicidade de Spotify, que non supón ingresos para a App Store e incluso aseguran que o volume de subscricións que se pagan a través do sistema de Apple é moi pequeno. Critican así que Spotify pretenda manter todas as vantaxes das ferramentas da App Store e quedar co 100% dos ingresos, o que Apple considera inxusto.

ACTUALIZACIÓN (15-3-2019): Spotify reaccionou á resposta de Apple asegurando que «todo monopolista suxerirá que non fai nada malo e argumentará que pretende respectar os intereses de competidores e consumidores», ou sexa, que a liña de defensa da compañía de Cupertino non lles sorprende e incluso aseguran ter presentado a denuncia «porque as accións de Apple danan a competencia e aos consumidores e son unha clara violación da lexislación». Consideran que para Apple «os usuarios de Spotify en iOS son clientes de Apple e non clientes de Spotify» o que sería a cerna do problema denunciado.

PUBLICIDADE