Aquitamensefala.com espallouse xa por 200 centros educativos da xeografía galega

mércores, 24 de abril do 2024 S. P.

A campaña Aquí Tamén Se Fala (#aquítaménsefala) chegou a este mes de abril recibindo novas adhesións e apoios que sumar a unha xa de por si completa listaxe de seareiras/os, entre os que se contan persoeiros internacionais como o actor Viggo Mortensen, o pianista James Rhodes, o trío Tanxugueiras ou a cantante Amaia. O máis recente apoio da campaña é o do IES Concepción Arenal de Ferrol, unha adhesión de fondo significado trala decisión (finalmente corrixida) do Concello da cidade departamental de marxinar o galego dos seus contratos.
Gran repercusión nas redes sociais
Aquí Tamén Se Fala (Galego) é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil, con accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno. Trátase dun proxecto que comezou no IES Rafael Dieste da cidade da Coruña e que agora esténdese por centros de todo o país, con gran repercusión nas redes sociais, nas que se achegan pezas musicais, anacos de cultura galega, gravacións, fotografías de establecementos galego-friendly (bares, salóns de beleza, librarías, tendas de moda, academias, institucións, talleres mecánicos, froitarías, gabinetes de psicoloxía, florerías) e entrevistas con persoas anónimas ou coñecidas. “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego”, sinalan os impulsores da iniciativa, que converten a todas as persoas e entidades que participan en “técnicos/as de normalización lingüística”.
No curso actual a campaña conseguiu espallarse por 200 centros por toda a xeografía galega. Salienta por presentar a lingua en positivo e converte as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso.
Dirixido desde o ámbito escolar a outros sectores da sociedade, o seu mérito radica en que consegue motivar o alumnado e situar o galego como elemento de integración e cohesión social. O seu principal punto de encontro é a súa páxina web.
Incorporación do IES Concepción Arenal
O IES Concepción Arenal de Ferrol organiza este xoves 25 de abril ás 12.10h a lectura pública do manifesto elaborado para reivindicar a longa tradición galeguista da cidade departamental. Máis de trinta grupos de alumnos e alumnas vanse activar estes días de xeito voluntario para van distribuír os carteis específicos polos comercios de Ferrol. O obxectivo: “Visibilizar a presenza da nosa lingua no ámbito urbano. Porque en Ferrol tamén se fala”, sinalan dende o IES.