Arrinca na UVigo a IX edición de HackForGood de Telefónica especial centenario

mércores, 13 de marzo do 2024 S. P.

A IX edición de HackForGood de Telefónica arrinca este xoves 14 de marzo na Universidade de Vigo, onde reunirá ata o vindeiro sábado 16 a estudantes de diferentes disciplinas para crear solucións tecnolóxicas cun fin social e que contribúan a construír unha contorna máis sostíbel, inclusivo e dixital.
Durante o encontro, organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, Universidade Politécnica de Madrid e Fundación Hazloposible, e que se celebra de forma simultánea en 24 universidades de toda España, os estudantes deberán desenvolver solucións innovadoras baseadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) de Nacións Unidas, de acordo co lema desta edición Imaxinemos un mundo máis sostíbel.
Os participantes de HackForGood, que en Vigo desenvólvese co apoio da Cátedra de Telefónica da Universidade de Vigo, dirixida polo catedrático José Cidrás, traballarán en equipos multidisciplinares para desenvolver en tempo récord aplicacións asociadas aos retos sociais propostos. Contarán co mentoring de voluntarios Telefónica para coordinar ao equipo, desenvolver as solucións e xestionar os proxectos.
As solucións máis innovadoras poderán acceder a 7 premios locais, tres xenéricos dotados cun total de 2.000 € e 4 temáticos (Premio Innovación Enerxética e Ambiental, Premio Innovación Social, Premios Innovación e Responsabilidade Social Empresarial e Premio Transformación Dixital), dotados cada un con 500 €.
O xurado valorará a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., do mesmo xeito que a creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackathon e o seu impacto social.
HackForGood conta con tres niveis de competición: local (gañadores en cada sede) nacional (gañadores nacionais) e unha última, que se celebra meses despois, na que compiten os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade. A dotación dos premios de todas estas categorías ascende a 50.000 €.
Esta iniciativa súmase á celebración do aniversario número 100 de Telefónica, que foron, en palabras da operadora, “100 anos de transformación constante que permitiron a Telefónica pasar de ser unha provedora de servizos de voz a unha compañía tecnolóxica preparada para os desafíos do mundo dixital con vocación de conseguir un impacto positivo e facer o noso mundo máis humano conectando a vida das persoas”.

PUBLICIDADE