Arrincan en Vigo as obras da planta de semicondutores fotónicos do Proxecto SPARC
venres, 30 de xaneiro do 2026
A planta de chips fotónicos de SPARC, que situará a Vigo á fronte do Estado neste novo sector industrial (onde será a primeira de toda España centrada nesta nova tecnoloxía), xa é unha realidade. Este venres 30 de xaneiro comezaron as obras na parcela do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) co simbólico acto de colocación da primeira pedra. As obras arrincaron co obxectivo de xerar xa ata 20.000 obleas ao ano (cada oblea vén con 60 chips). O fito deste 30 de xaneiro chega case cinco anos despois que a Universidade de Vigo e Zona Franca presentasen a fondos europeos de recuperación Next Generation un proxecto para instalar en Vigo unha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de I+D.
No acto participaron o ministro para a Transformación Dixital do Gobierno de España, Óscar López; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco; a senadora e primeira tenente de alcalde Carmela Silva, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o delegado do Estado no CZFV, David Regades, entre outras autoridades e representacións empresariais e sociais. Tamén asistiron os socios de SPARC, entre eles os seus principais accionistas co CTO de Indra, Manuel Escalante; o director técnico da SETT, Guillermo Gómez; e o director de Vigo Activo, de Zona Franca, Samuel Méndez; ademais de Francisco Díaz, director executivo (CEO) de SPARC.
O ministro Óscar López sinalou que “SPARC fará de Vigo unha das xoias da coroa da revolución dixital española” e que en Vigo “estamos a ver un proxecto como este que representa o renacemento industrial de todo un país. Este acto teno todo, dixo, ten futuro, ten ciencia, ten colaboración publico privada, ten colaboración entre administracións, ten transformación dixital, ten industria, e ten reindustrialización dun país aproveitando a transformación dixital”, sinalou.
López lembrou que cando Europa descubriu que necesitaba reforzar a súa soberanía tecnolóxica e que un dos sectores clave era o deseño e produción de chips e semiconductores, España dixo que dentro diso quería especializarse en fotónica. Mañá é hoxe”, concluíu en galego”.
David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, afirmou que “hoxe é un día moi importante para a independencia tecnolóxica de Europa e facémolo desde o Consorcio cunha nova industria e unha nova tecnoloxía que está a nacer no mundo e que en Europa faino da man de Francia, Alemaña e España desde Vigo”.
O delegado anunciou que “xa este ano máis de 25 traballadores da planta de chips fotónicos están a desenvolver os sistemas e a forma de produción e o ano que vén cando empecemos a fabricar as primeiras obleas fotónicas estarán máis de 200 persoas directas traballando nesta planta”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu o liderado de Vigo e da Zona Franca no proceso de SPARC e ao ministro Óscar López o papel que tivo para convencer aos socios de que España e Vigo eran idóneos para o emprazamento da fábrica. Caballero asegurou que a chegada de SPARC marca un fito para a cidade: “Hai vinte anos non o podiamos imaxinar e este proxecto é un empeño do delegado de Zona Franca, David Regades”. O alcalde tamén aplaudiu a entrada de Indra Group e a SETT na sociedade de SPARC e equiparou o proxecto coa chegada de Citroën a Vigo.
Previamente, o primeira tenente de alcalde e senadora Carmela Silva foi a encargada de abrir o acto destacando que SPARC sitúase nun dos sectores máis estratéxicos da economía actual. “E faino desde Vigo reforzando o sistema tecnolóxico industrial de España. Falamos de industria de alto valor engadido, dun proxecto xerado no ámbito da investigación na Universidade de Vigo, e do encontro deste talento universitario coa Zona Franca de Vigo”, remarcou.
O reitor da UVigo explicou que "este é un proxecto no que se leva traballando moito tempo e que contén todos os elementos que nos fan felices: colaboración entre institucións, entre a academia e o mundo empresarial, público-privada, e que ademais está facendo que a alta tecnoloxía se implante en Vigo, que seguramente será o nacemento dunha liña industrial moi importante, moi de futuro”.
Manuel Escalante, CTO de Indra, destacou que “a fábrica de chips sitúa a Vigo no podio de iniciativas europeas que buscan garantir a soberanía tecnolóxica nun ámbito crítico para os sectores de defensa e aeroespacial”.
Pola súa banda, Guillermo Gómez, director técnico da SETT, apuntou que "SPARC supón unha oportunidade única para liderar a industria de fabricación de tecnolóxicas fotónicas, especialmente en eidos onde aínda non hai un polo de referencia europeo, como por exemplo en Nitruro de Galio para aplicacións de radiofrecuencia”.
A planta de semiconductores fotónicos de Vigo será unha fábrica de última xeración, dotada de enerxías alternativas e da tecnoloxía máis punteira, engadiron, coincidindo en sinalar SPARC como “un proxecto claramente estratéxico e singular a nivel europeo tamén polo desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica que chegará ao mercado, con impacto real na sociedade e que no caso de Vigo vai servir para redefinir a economía da cidade pola súa innovación, valor engadido e revolución tecnolóxica”.
Os semi-condutores III-V son materiais que se poden utilizar para realizar fontes de luz moi compactas e eficientes, o que permitirá que SPARC teña a capacidade para dirixirse a unha gran base de clientes nunha ampla gama de mercados diferentes, incluídas as comunicacións ópticas, as pantallas, a iluminación, a industria aeroespacial, a automoción, a biomedicina, a detección e as tecnoloxías cuánticas, así como as tecnoloxías de alta velocidade ou aplicacións electrónicas de alta potencia.
