As 30 empresas participantes en Galicia Avanza xa teñen presenza en 25 países

xoves, 5 de marzo do 2026 S. P.

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, impulsado polo IGAPE a Tecnópole, celebrou este xoves 5 de marzo, na compaña das empresas participantes da súa cuarta edición, un gran evento de internacionalización, innovación e celebración empresarial. Participaron, en concreto, as 30 pemes innovadoras que ao longo dos últimos dez meses participaron na cuarta edición desta iniciativa, dando a coñecer os logros conseguidos no marco da mesma.
Ao evento asistiu o director de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borras. Segundo lembrou a Tecnópole (o Parque Tecnolóxico de Galicia, con sede en San Cibrao das Viñas, Ourense), a trintena de empresas pertencen a sectores tan diversos como o agroalimentario e produtos ecolóxicos, enxeñaría e desenvolvemento tecnolóxico, industria e fabricación, téxtil e moda, servizos profesionais, ademais de biotecnoloxía e saúde. No encontro tamén se deron cita outras empresas galegas interesadas na internacionalización. As compañías mantiveron reunións entre elas, co fin de establecer posibles colaboracións.
Por parte do IGAPE, púxose de relevo o papel de Galicia Avanza como “unha ferramenta clave para impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego nun contexto especialmente favorable, marcado polas boas cifras de exportacións que sitúan a Galicia preto dos seus máximos históricos”. Así mesmo, salientouse a aposta da Xunta de Galicia por “reforzar o apoio ás empresas que queren medrar nos mercados internacionais, especialmente aquelas que desenvolven solucións innovadoras, a través de programas de aceleración que faciliten que a innovación galega acade presenza e se consolide no exterior”.
No marco do programa realizouse a prospección de 25 mercados internacionais de interese para as pemes participantes: o 61% en Europa (en particular Alemaña, Francia e Reino Unido), o 20% en Latinoamérica (sobre todo México, Arxentina e Brasil) e o 19% restante en mercados como EEUU, Emiratos Árabes ou Singapura. O valor total das actuacións ascendeu aos 576.476,74 €, cun gasto medio por empresa de 19.215,89 millóns de euros.
Nestes meses, ademais da prospección de mercados de interese para cada unha das pemes, levouse a cabo a protección de marcas nos países de destino -rexistráronse 13 marcas-, elaboración e desenvolvemento de plans de mercadotecnia, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais -mantivéronse 205 reunións con novos contactos-, adaptación das páxinas web e dos soportes comerciais aos diferentes destinos. Así mesmo adaptáronse os produtos aos novos mercados, ao tempo que foron creadas ferramentas para facilitar as vendas, promoveuse a asistencia a feiras internacionais e a venda onlin, etc, entre outras iniciativas. No seu conxunto, identificáronse un total de 148 necesidades e realizouse a contratación de 98 provedores, 14 deles internacionais.
O talento en directo
No transcurso do evento celebrouse o espectáculo Galicia Got Business, no que varias pemes participantes en Galicia Avanza amosaron o seu talento de xeito creativo. Fixérono diante dun xurado de expertos en innovación: Fernando Jiménez, xerente do Centro Tecnolóxico Gradiant; Anxo Vidal, director xeral da consultoría de innovación Incotec; e Sandra Rodríguez, responsable da firma de comunicación Growcom.
Ademais, durante o acto, as empresas relataron a súa experiencia no seu proceso de internacionalización, as barreiras ás que se enfrontaron e as aprendizaxes que lles funcionaron a cada unha delas.
Internacionalización de 111 empresas galegas
O programa Galicia Avanza xa impulsou nas súas tres edicións anteriores a internacionalización de 81 pemes galegas innovadoras, que ascenden a 111 sumando a convocatoria actual; pertencentes a 10 sectores produtivos diferentes. As empresas lograron entrar no seu conxunto en 53 novos mercados. O valor global das actuacións levadas a cabo ata agora no marco desta iniciativa suma 2,1 millóns de euros.
O programa facilitou ademais máis de 1.500 contactos e acordos comerciais e 375 reunións con novos socios e clientes, contribuíu ao rexistro de 44 marcas e dúas patentes. Detectáronse un total de 489 necesidades empresariais, contratadas a 183 provedores 34 deles internacionais.