As 30 empresas participantes no 4ª Galicia Avanza locerán potencia innovadora

mércores, 4 de marzo do 2026 S. P.

A cuarta edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, posto en marcha en 2022 da man do IGAPE e a Tecnópole, vai ter este xoves 5 de marzo unha cita clave no seu desenvolvemento: unha xornada de demostración innovadora protagonizada polas 30 pemes galegas que participaron na cuarta convocatoria desta iniciativa.
Neste marco presentarán os logros conseguidos ao longo dos dez meses que durou o programa. A directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, inaugurará o acto, a partir das 10:00 horas, e presentará os resultados globais desta convocatoria.
O evento vaise celebrar en Tecnópole, entidade encargada da xestión e coordinación do programa. No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, haberá un showroom coas 30 pemes beneficiarias desta edición, que exporán os seus produtos ou servizos innovadores e darán a coñecer os éxitos acadados tralo seu paso polo programa.
Ademais das empresas participantes nesta edición, daranse cita outras pemes galegas de sectores diversos, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar as súas innovacións. Ao longo da xornada, todas as compañías asistentes terán a oportunidade de compartir experiencias e manter reunións entre elas, co fin de establecer colaboracións. A creación de sinerxías entre empresas é precisamente un dos principais obxectivos do programa.
O evento inclúe o espectáculo Galicia Got Business, no que varias empresas participantes en Galicia Avanza amosarán diante dun xurado e do público, en apenas uns minutos, o seu talento, aquilo que as fai únicas: o seu produto ou servizo innovador, a súa experiencia, a súa maneira de entender o negocio. E farano dun xeito sorprendente, con moito humor.
Neste show contarase cun xurado de expertos en innovación, que, segundo informou a Tecnópole, “valorará o talento das pemes e decidirá cal merece o prezado botón dourado, emulando o popular programa de televisión, e tamén haberá un premio especial do público”.
O xurado estará integrado por profesionais cunha ampla traxectoria empresarial e industrial: Fernando Jiménez, xerente do Centro Tecnolóxico Gradiant; Anxo Vidal, director xeral da consultoría de innovación Incotec; e Sandra Rodríguez, responsable da firma de comunicación Growcom.
No transcurso do evento celebraranse varias mesas redondas coas empresas participantes nesta edición de Galicia Avanza. Nelas abordarase a xestión da internacionalización, o papel do equipo e do liderado neste proceso, a importancia de adaptar a proposta de valor ao cliente internacional, a marca como panca de entrada en novos mercados, ou como afrontar os aspectos legais e administrativos, entre outros puntos de interese vencellados á internacionalización.
Unha folla de ruta personalizada para cada empresa
Durante os dez meses de duración do programa e a través dun equipo de expertos en internacionalización, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras compañías. 
Con cada firma seguiuse unha folla de ruta personalizada. Reforzáronse aspectos como a mellora da innovación, as estratexias de mercadotecnia, a creación de marcas e certificacións, ou a adaptación de produtos e servizos ao mercado exterior, entre outros aspectos.