As TIC farán posible unha Xustiza máis eficaz

mércores, 19 de maio do 2010 Raquel Noya

Impulsar o uso das TIC en tódolos campos da administración é unha das prioridades que a meirande parte dos gobernos da actualidade (uns máis e outros menos) teñen entre mans dende os últimos anos.
E é que o uso das novas tecnoloxías facilita en gran medida o traballo diario do persoal da administración en calquera dos seus eidos, ao tempo que aforra en tempo e custes e mellora a comunicación coa cidadanía.
Se cadra a xustiza é unha das áreas que máis se pode beneficiar das vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de feito, o 85 por cento da cidadanía do noso país considera “clave” a implantación das mesmas “para incrementar a eficacia da Administración da Xustiza”.
Segundo o informe Las TIC en la Justicia del futuro, que foi presentado onte en Santiago polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, “é posible concebir unha nova Xustiza sen perder a rigurosidade e as garantías á cidadanía, obtendo toda a eficiencia que as TIC outorgan aos sectores que as usan dunha maneira intelixente”.
Para a realización deste informe traballaron conxuntamente un equipo multidisciplinar formado por máis de 50 expertos e nel faise referencia ao Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Administración da Xustiza en Galicia, onde se establecen as liñas de actuación dos vindeiros anos, que permitirán avanzar “cara un novo modelo máis áxil e sostible no tempo”.
Asemade, este Primeiro Plan contempla a actualización dos sistemas de información, o despegue de infraestruturas e medios tecnolóxicos, así como a dotación dos recursos humanos para levar a cabo estas actuacións.
O obxectivo é realizar unha serie de cambios técnicos, organizativos e administrativos encamiñados cara un modelo en Rede da Administración de Xustiza, que permita, entre outras cousas, incrementar a eficacia do servizo.
A implantación das TIC, segundo sinala o informe, ofrece unha grande oportunidade para responder á petición dunha Xustiza máis accesible, próxima e transparente, que ofreza novas canles de acceso á información.
Por outra banda, mellora a relación coa cidadanía, prestando un servizo de maior calidade capaz de garantir con rapidez e eficacia os dereitos legalmente recoñecidos.
En resumidas contas, o obxectivo da implantación das TIC é lograr un modelo de Xustiza en Rede: un sistema integral e intercomunicado entre toda a Administración de Xustiza que garanta a interconexión telemática entre os distintos axentes involucrados.

PUBLICIDADE