As áreas de descanso intelixente da Deputación chegan a Sanxenxo, O Grove, Cambados e Caldas

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra arrincou 2023 estendendo o radio de acción, cara a máis concellos, das súas iniciativas de transformación comercial Commerce Inside e Da túa man, que habilitan contornas de descanso intelixentes para potenciar os establecementos de proximidade, entre ouros recursos. En concreto, a cidadanía de Sanxenxo, O Grove, Cambados e Caldas de Reis xa pode desfrutar das súas novas zonas de lecer verdes, que entregou a deputada provincial Noemí Outeda aos respectivos gobernos.
En total, ao longo dos últimos meses instaláronse estas áreas de descanso en 20 concellos da provincia ao abeiro do proxecto Da túa man (dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización) e da iniciativa Commerce Inside (encamiñada a concellos turísticos).
Os proxectos, que están financiados ao 70% con Fondos Next Generation EU e ao 30% pola Deputación e os concellos, buscan, en palabras da entidade provincial, “favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade”.
Os concellos beneficiarios son Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través de Commerce Inside, e os de Moaña, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Ribadumia, Poio, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño, no caso do proxecto Da túa man. Todas eles contan xa con zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, que serán entregadas para a xestión municipal nos vindeiros días. Na gran maioría dos casos, están dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras.
Por outra banda, unha ampla porcentaxe destas novas áreas verdes de descanso está dotada con paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostran toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma, impulsando desta maneira a comunicación dos espazos comerciais destes 20 municipios e dotándoos dunha imaxe personalizada, para caracterizalos así como un espazo único e homoxéneo. Toda a información dispoñíbel pode consultarse a través dun código QR e cárganse con enerxía solar.

PUBLICIDADE