Portugal tamén suspende as actividades de Worldcoin

martes, 26 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A primeiros de mes a Axencia Española de Protección de Datos aprobou medidas cautelares contra Tools for Humanity Corporation, compañía detrás do proxecto Worldcoin, para que cesase a recollida e tratamento de datos de usuarios españois, e agora é a Comisión Nacional de Protección de Datos (CNPD) portuguesa a que fai o mesmo.
A CNPD deliberou onte para suspender a recollida de datos biométricos de iris, dos ollos e do rostro realizada pola Worldcoin Foundation, co obxectivo de salvagardar o dereito fundamental á protección de datos persoais, en especial dos menores.
A Comisión ordenou á empresa responsable do tratamento dos datos para proceder, no prazo de 24 horas, á limitación temporal da recollida de datos biométricos, polo período de 90 días, até que a CNPD conclúa a súa investigación e emita unha decisión final. A adopción desta medida provisoria urxente xurde en secuencia das moitas denuncias recibidas no último mes, que informaron da recollida de datos de menores sen a autorización dos pais ou outros representantes legais, así como de deficiencias na información proporcionada aos titulares, na imposibilidade de eliminar os datos ou revogar o consentimento, que tornou imperiosa a necesidade de actuar por parte da CNPD.
A cobertura informativa feita polos medios de comunicación tamén trouxo ao coñecemento da CNPD que máis de 300 mil persoas en Portugal xa forneceran os seus datos biométricos, condición indispensable para recibir un determinado valor en criptomoeda, denominada Worldcoin. A gran afluencia de persoas, incluíndo menores, para adherirse ao proxecto Worldcoin e recibir tokens levou á necesidade de concertar unha cita previa para o proceso de rexistro e recollida dos datos biométricos. Non existe ningún mecanismo de verificación de idade dos adherentes.
Os datos biométricos cualifícanse como datos especiais no Regulamento Xeral de Protección de Datos e gozan, por iso, dunha protección acrecentada, sendo os riscos do seu tratamento elevados. Por outra banda, os menores son persoas especialmente vulnerables e tamén son obxecto dunha protección especial por parte do lexislador europeo e nacional, por poderen ser menos conscientes dos riscos, consecuencias e garantías do tratamento dos seus datos persoais, así como dos seus dereitos.
Antes estas circunstancias, nas que se verifica a ilegalidade no tratamento dos datos biométricos dos menores, asociada ás potenciais violacións doutras normas do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea, a CNPD entendeu que o risco para os dereitos fundamentais dos cidadáns é elevado, xustificando unha intervención urxente para previr danos graves ou irreparables.
A CNPD continúa a súa investigación, con dilixencias adicionais e a análise das denuncias que diariamente segue a recibir, co obxectivo de concluír o proceso.

PUBLICIDADE