As autoridades francesas rexistran a sede de X en París

martes, 3 de febreiro do 2026 Redacción

O rexistro das oficinas de X en París, realizado pola unidade de cibercriminalidade da Fiscalía francesa coa colaboración da Xendarmeria Nacional e Europol, abriu un novo capítulo na investigación penal que envolve a plataforma social. As actuacións insírense nun procedemento iniciado en 2025 tras varios avisos sobre cambios introducidos por Elon Musk nos algoritmos de recomendación e no funcionamento interno do servizo.
A investigación, inicialmente centrada na posible alteración dun sistema informático, ampliouse co tempo para incluír sospeitas de xestión ilícita da plataforma, incumprimentos en materia de protección de datos persoais e deficiencias graves na detección de contidos pedopornográficos. A Fiscalía sinala que a substitución en 2025 do sistema Safer, da organización Thorn, por unha tecnoloxía propia reduciu drasticamente o número de avisos remitidos ás autoridades especializadas, o que motivou a apertura de novos cargos relacionados coa difusión e posesión de imaxes de menores de carácter sexual.
O caso adquiriu unha dimensión adicional a comezos de 2026, cando Grok, a intelixencia artificial de X, foi acusada de xerar e distribuír imaxes falsas de persoas reais espidas sen o seu consentimento, algunhas delas aparentemente menores. A isto engadiuse a difusión de mensaxes negacionistas desde a conta oficial da ferramenta, o que levou a Fiscalía a abrir unha investigación por contestación de crimes contra a humanidade.
Ante estes feitos a xustiza francesa convocou Elon Musk para unha comparecencia voluntaria o 20 de abril, xunto coa exdirectora executiva Linda Yaccarino e varios empregados da compañía.
A resposta de Elon Musk non se fixo agardar, e saltou a comentar que «isto é un ataque político», mentres que nun comunicado oficial a compañía asegura que que as acusacións contra X non teñen fundamento, denunciando que a actuación das autoridades xudiciais é abusiva.