As cámaras dixitais e Internet sacan os trapos sucios dos políticos en campaña
luns, 16 de outubro do 2006
Hoxe en día, xa un non se pode meter o escarvadentes na boca logo dunha boa cena colectiva, porque está claro que sempre hai alguén ó tanto para sacar a cámara dixital e inmortalizalo en tan elegante manobra de hixiene. Non hai intimidade, nin sequera para confundirnos, para dicir o que nos pete ou, como a Chicarelli, para dar renda solta á nosa paixón na praia. As cámaras dixitais están en todas partes, e a Rede é esa gran tasca universal rebordante de amigotes onde sempre hai alguén que quere ver o que lle amoses.
Algo semellante a esta introdución (en inglés, claro) é o que probablemente estea a pasar polos miolos de algúns candidatos á renovación do Congreso de Estados Unidos, vítimas ó longo destes días de videafeccionados que os gravan na procura do erro simpático na fala, o dedo no nariz, a chave do coche na orella ou o comentario politicamente incorrecto.
Vémolo en El País, que fai un repas0 dalgunha das pilladas de máis sona, como por exemplo a que tivo como protagonista ó senador republicano George Allen, do estado de Virgina, quen no transcurso dun mitin cualificou de “macaco” a unha persoa enviada polo seu rival demócrata.
Este vídeo, como era de agardar, foi aproveitado polos demócratas para facer contracampaña, e non andou desacertado o labor de distribución e marketing viral, xa que foi obxecto de 260.000 visitas.
Noutro vídeo, que conseguiu chamar a atención de 80.000 internautas, podemos ver ó senador Conrad Burns (republicano de Montana) vítima dunha breve soneca durante unha sesión do Senado.
Conclusión: se as ubicuas cámaras dixitais e o uso intensivo de Internet desenmascaran actitudes censurables dos políticos case podemos vernos compensados por tódalas veces en que amigos, coñecidos ou descoñecidos nos fotografaron sen que nos decatásemos a partir dunha hora (digamos dúas ou tres horas despois de comezar unha cea colectiva) en que ninguén, baixo ningún concepto, debería ser fotografado.
