As candidaturas á Reitoría da UVigo botan man de redes, YouTube e a web para amosar propostas

xoves, 26 de marzo do 2026 S. P.

Comezou a conta atrás para o inicio da campaña electoral á Reitoría da UVigo e tres candidaturas que optan a dirixir a institución durante os seis vindeiros anos centran as súas accións nas redes sociais, YouTube e a web en dar a coñecer ás persoas que integrarán os equipos de goberno, así como para trasladar á comunidade universitaria algunhas das súas propostas.
Mentres H2040 opta en Falamos UVigo por conversas da súa candidata, Belén Rubio coas persoas que integrarán o seu equipo de goberno, comezando pola candidata á Secretaría Xeral, María José Bravo Bosch, e á Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero; Nós Universidade e ConSenso, confirman que non darán a coñecer os equipos ata o día 17 de abril, data fixada para esta acción no calendario electoral.
Porén, ConSenso artellou un xogo de pistas, na súa web e en redes, no que a través de información e fotos, convídase a adiviñar quen ocupará os cargos do equipo reitoral, mentres que Nós Universidade xa presentou as súas candidatas ás vicerreitorías de Ourense e Pontevedra nun acto celebrado o pasado 9 de marzo.
As tres candidaturas traballan igualmente para trasladar as súas propostas e modelos de goberno á comunidade universitaria, ben a través de publicacións nas súas plataformas, ben a través de xuntanzas presenciais con diferentes sectores.
H2040
Co obxectivo de “contar con espazos que acheguen maior profundidade e calma na presentación das propostas e no coñecemento dos membros da candidatura” H2040 puxo en marcha unha canle de Youtube na que se presenta o espazo Falamos UVigo, no que a candidata á Reitoría, Belén Rubio, conversa cunha ou cun membro do que será o seu equipo de goberno. Falamos UVigo estreouse cunha conversa coa persoa proposta para ocupar a Secretaría Xeral, a catedrática e actual secretaria xeral da UVigo, María José Bravo Bosch, e co candidato a ocupar a Vicerreitoría de Infraestruturas e Sostibilidade, Félix Quintero, e aos que seguirán en próximos días as persoas que ocuparían as vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra.
H2040 tamén dispón das redes habituais, concretamente Instagram e Facebook, e unha páxina web, con información “ampla, detallada e accesible para a comunidade universitaria”. Entre outros contidos, a web dispón dun repositorio de documentos nos que se poderán consultar as propostas traballadas nas reunións de preparación do programa electoral. 
Unha axenda actualizada das actividades da candidata e o seu equipo é outro dos apartados cos que conta a web.
Nós Universidade
Nas redes sociais, García Mateo comparte en primeira persoa a súa participación en encontros, actos e iniciativas vinculadas ao proceso electoral en LinkedIn, Instagram, Facebook e TikTok, unha elección que responde á vontade de chegar a todos os colectivos da comunidade universitaria. "Sabemos que son perfís moi diversos e heteroxéneos", recoñece o equipo, polo que a estratexia pasa por modular a mensaxe en función de cada plataforma e falar a linguaxe audiovisual propia de cada espazo dixital. Mentres, a web da candidatura converteuse nunha canle directa de comunicación coa comunidade universitaria, na que o formulario habilitado, segundo responsables da candidatura, “está recibindo un importante volume de mensaxes, comentarios e propostas que nalgúns casos xa se están a incorporar ao programa electoral”.
ConSenso
Na web e nas redes sociais (InstagramTikTok, Facebook) da candidatura de Jacobo Porteiro xa se pode xogar a descubrir quen integrará o seu equipo de goberno. A través de pistas e de fotografías da infancia pódese intentar adiviñar quen ocupará aXerencia e as vicerreitorías de Investigación, Profesorado e Estratexia Dixital, unha relación que se completará con todo equipo de goberno, antes da súa presentación oficial o 17 de abril. “É un formato que buscar sorprender, xerar curiosidade e achegar o equipo dun xeito máis natural, divertido e doado de recoñecer”, aseguran desde ConSenso.
Ao tempo, a candidatura de Jacobo Porteiro está a facer públicas medidas concretas agrupadas en bloques, considerados prioritarios, baixo o lema Re-Imaxina a UVigo. Ata o de agora xa se fixeron públicos os referidos á docencia e á vida na UVigo, con propostas, no primeiro caso, para mellorar a planificación académica, impulsa a innovación docente e avanzar cara unha docencia máis útil, e no segundo, centradas en mellorar a experiencia universitaria máis aló das aulas, con medidas relacionadas cos espazos de convivencia, os servizos e a participación.