En xuño anunciaron que estaban a preparar a chegada das canles a WhatsApp, funcionalidade que levan semanas probando con éxito en 10 países, de aí que hoxe anuncien que as canles pasarán a estar dispoñibles en máis de 150 países, aspirando a converterse nunha forma privada para recibir actualizacións relevantes directamente en WhatsApp, e coidando a privacidade, xa que os creadores das canles non terán acceso aos números telefónicos dos subscritores, nin tampouco o resto dos usuarios sabe das subscricións de cadaquén.
Este novo servizo de difusión agora inicia o seu lanzamento global, aproveitando a ocasión para mellorar o seu directorio de canles (facendo máis doado atopar canles novas, populares ou moi activas, e podendo filtralas por país), permite reaccionar ás publicacións (coñecerase o número de cada reacción, pero non quen a fai), os administradores poderán editar as súas actualizacións durante un prazo máximo de 30 días (prazo tras o que borraranse dos servidores de WhatsApp) e cando se reenvíe unha actualización a outro usuario incluirase unha ligazón á canle para que as persoas poidan obter máis información.
Aseguran que isto só é o comezo dunha funcionalidade que revolucionará o tipo de uso que pode facerse de WhatsApp, e está previsto que nos vindeiros meses calquera usuario poida crear unha canle de seu. Como mostra, o propio WhatsApp xa ten unha canle para dar conta das súas novidades.
No momento de publicar estas liñas xa hai usuarios galegos podendo acceder ás canles de WhatsApp.
As canles de WhatsApp inician o seu lanzamento global
Compartir Este Artigo
