As lanzadeiras galegas de Telefónica compartiron éxitos de empregabilidade en Santiago

venres, 23 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxias de Santiago de Compostela acolleu hoxe unha xuntanza entre as/os participantes das Lanzadeiras de Emprego que desde novembro operan na Coruña, Pontevedra e Santiago, impulsadas (na nosa terra e no ámbito estatal) pola Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real, contando co co-financiamento do Fondo Social Europeo e, na súa actividade, cunha marcada vertente de formación en innovación. Na cita participaron as 60 persoas desempregadas ás que dan servizo as tres ditas lanzadeiras, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a responsábel de Empregabilidade Europa en Fundación Telefónica, Laura Castela, e a vogal da Fundación Santa María A Real, Soraya de las Sías.
Estas lanzadeiras comezaron en novembro a súa nova andaina, achegando formación e empregabilidade a persoas sen traballo de diversas idades, perfís formativos e traxectorias laborais, activando e optimizando a súa procura de traballo durante un período de cinco meses, coa orientación de técnicos especializados e o uso de novas tecnoloxías e ferramentas de comunicación, marca persoal e promoción profesional, “acordes ás necesidades do mercado laboral actual”, informaron hoxe os responsábeis da iniciativa estatal, facendo fincapé nos éxitos acadados xa polas edicións en curso: “Froito de todo o aprendido, do esforzo individual e colectivo desenvolvido nestes meses, hai 20 participantes que atoparon traballo por conta allea en diferentes sectores: enxeñaría, arquitectura, administración, sector servizos, educación, terceiro sector, tecnoloxías, industria, hostalaría ou comercio, entre outros”.
Na xuntanza de hoxe, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo en valor as Lanzadeiras de Emprego sinalando que son un bo mecanismo para atopar un traballo porque “axudan a adquirir confianza e unha posición activa e comprometida” e porque “poñen de manifesto a importancia que ten hoxe en día a formación”. Ao fío disto, Conde apuntou que a cualificación é a antesala do emprego, "a clave para conseguir un tecido empresarial competitivo".

PUBLICIDADE