As lentes con IA poden ser de grande axuda para persoas con problemas de memoria

luns, 9 de febreiro do 2026 Redacción

Os wearables con intelixencia artificial perfílanse como aliados para mellorar a autonomía das persoas con perda de memoria e outras discapacidades cognitivas segundo constata un proxecto desenvolvido en colaboración coa Oscar Mike Foundation, unha organización sen ánimo de lucro que traballa con veteranos militares con discapacidade, no que se exploran novos usos das smartglasses como apoio á memoria, á orientación espacial e á xestión das tarefas cotiás.
A iniciativa baséase no uso de Aria Gen 2, unha nova xeración de lentes de investigación deseñadas para avanzar en accesibilidade. O obxectivo é ofrecer solucións prácticas a persoas que conviven con lesións cerebrais traumáticas e problemas de memoria, axudándoas a vivir con maior confianza e independencia no seu día a día.
Durante un obradoiro de deseño colaborativo, veteranos participantes explicaron as dificultades ás que se enfrontan habitualmente e como este tipo de dispositivos podería contribuír a superalas. Entre as utilidades máis valoradas figuran a posibilidade de lembrar tarefas cotiás, localizar obxectos persoais como as chaves ou o teléfono móbil, retomar unha actividade tras unha distracción ou orientarse mellor en espazos interiores.
Algúns participantes tamén destacaron a utilidade doutras funcións xa existentes noutros modelos de lentes con intelixencia artificial, como os sistemas de enfoque na conversa, que axudan a reducir distraccións ao falar con outras persoas, ou as transcricións en tempo real, que permiten seguir unha conversación sen necesidade de lectura labial no caso de usuarios con dificultades auditivas.
A partir das sesións de traballo e das probas cos dispositivos, os equipos implicados identificaron tres grandes ámbitos nos que estas lentes poden marcar a diferenza para persoas con perda de memoria derivada de lesións cerebrais: lembrar detalles de conversas, planificar e seguir tarefas diarias e manter a atención no momento presente grazas a recordatorios mans libres e á redución da dependencia do teléfono móbil.
Entre os participantes estivo Edward Johnson, veterano do Exército, quen explicou que adoita anotar todo para non esquecelo. Na súa opinión, poder recuperar información do que fixo ao longo do día mediante simples comandos de voz facilitaría moito lembrar detalles cando os necesita. «En vez de ter múltiples recursos comigo, as lentes poderían concentrar todo nun único dispositivo», sinalou.
Tamén participou Elizabeth Smith, veterana da Mariña con perda de memoria a curto prazo, quen asegurou que adoita esquecer cuestións importantes como a toma de medicación ou a asistencia a reunións. Para ela, a accesibilidade destas lentes non só as fai máis inclusivas, senón que poden supoñer un cambio real na vida doutras persoas con problemas similares. «Fanche sentir unha persoa máis, igual ca calquera outra», afirmou.
Desde o equipo impulsor do proxecto destacan que o traballo directo con comunidades afectadas pola perda de memoria resulta esencial para desenvolver solucións tecnolóxicas útiles e humanas. O desenvolvemento de Aria Gen 2 inscríbese así nun esforzo máis amplo por crear tecnoloxías accesibles que axuden ás persoas a manter relacións sociais máis plenas, organizar mellor a súa vida diaria e lembrar aquilo que consideran máis importante.