As novas Xbox recibirán en breve a función FPS Boost

mércores, 17 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Na súa aposta pola retrocompatibilidade en Xbox Series X|S dende Microsoft non só permiten gozar dun inmenso catálogo de xogos nas novas máquinas, senón que moitos destes incorporan melloras sen que os seus desenvolvedores teñan que realizar unha remasterización, e unha destas melloras, FPS Boost, que incrementa o número de imaxes por segundo a través de distintas técnicas, vai estrearse estes días.
Microsoft fixo público o primeiro grupo de xogos retrocompatibles que verán incrementado o seu número de fotogramas por segundo nas novas consolas, nunha mellora que normalmente multiplica por 2 este elemento, pero que nalgún caso chegaría incluso a cuadriplicar a velocidade das animacións. Concretamente os xogos que recibirán esta mellora son Far Cry 4, New Super Lucky’s Tale, Sniper Elite 4, UFC 4 e Watch Dogs 2. Destes xogos temos que, por exemplo, New Super Lucky’s Tale pode moverse até a 120 imaxes por segundo, mentres que UFC 4 en Xbox Series S podería correr a 60 imaxes por segundo. O número de xogos con soporte de FPS Boost irá medrando progresivamente.

PUBLICIDADE