As obras da planta de chips fotónicos de Vigo comezarán a finais de 2023
xoves, 29 de setembro do 2022
A
sede de
Zona Franca de Vigo acolleu este 27 de setembro a primeira reunión
de traballo de SPARC, a planta de semi-condutores fotónicos
cuxas obras está previsto que arrinquen a finais de 2023, estando
programado o inicio da súa actividade para o segundo semestre de
2025. Ao encontro acudiron Jaime Martorell, comisionado especial para
o PERTE de Microlectrónica e Semiconductores, e Guillermo Gómez,
coordinador da Secretaría Xeral de Telecomunicacións. Tanto o
director executivo (CEO) de SPARC, Francisco Díaz, como o delegado
da Zona Franca de Vigo, David Regades, explicaron aos dous
representantes do Goberno as futuras necesidades da planta. Tamén
participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen acudiu a unha
visita ás instalacións da Zona Franca en López Moura que
albergarán a planta SPARC.
Segundo
lembraron, a posta en marcha deste centro activouse precisamente a
raíz do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación
Económica (PERTE) dotado con 12.250 millóns de euros para crear un
ecosistema español ao redor dos chips. “A infraestrutura viguesa
encaixaba á perfección no obxectivo deste plan que debía buscar
investidores para poñer en marcha o proxecto”, sinalouse na
reunión de traballo, onde se destacou o carácter de “infraestrutura
única” de SPARC, “cunha tecnoloxía punteira que converterá a
Vigo nun foco de innovación a nivel europeo atraendo, ademais,
recursos humanos moi especializados”.
O
centro, que está apoiado pola Zona Franca de Vigo e a Universidade
de Vigo, producirá de maneira operativa a primeira tecnoloxía
(arseniuro de galio) e a partir desta mesma data iniciaranse as
actividades do Centro de I+D que permitirá facilitar a incorporación
da segunda tecnoloxía (fosfuro de indio), consolidando ademais
procesos que permitirán a produción de produtos propios na planta.
SPARC
fabricará máis de 1.500 obleas ao ano, o que supón 90.000 chips
(cada oblea contén 60 chips) e contará cunha sala limpa de 1.600
metros cadrados para a fabricación dos chips, ademais do centro de
I+D. Os semi-condutores III-V son materiais que se poden utilizar
para realizar fontes de luz moi compactas e eficientes, o que
permitirá que SPARC teña a capacidade para dirixirse a unha gran
base de clientes nunha ampla gama de mercados diferentes, incluídas
as comunicacións ópticas, as pantallas, a iluminación, a industria
aeroespacial, a automoción, a biomedicina, a detección e as
tecnoloxías cuánticas, así como as tecnoloxías de alta velocidade
ou aplicacións electrónicas de alta potencia. Na actualidade, son
300 as empresas europeas que consumen este tipo de chips e unha
vintena delas xa transmitiron o seu interese na nova planta
viguesa.