As pantallas de maior envergadura axudan á produtividade nas oficinas, segundo Apple

xoves, 19 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Sabíamos que hoxe en día unha das grandes claves da produtividade era ceibar os computadores dos xogos de cartas mais nesta redacción non se sospeitaba de que os folgos para unha meirande eficacia nas oficinas virían dados polo simple acto de cambiar pantallas pequenas por pantallas máis grandes. Así é, ou polo menos así se detalla neste (interesado?) estudo (en pdf) encargado e financiado por Apple á consultora francesa Pfeiffer Consulting. Na investigación inclúense diversas comparativas (coma o “antes” e o “despois” dos anuncios de anti-calvicie ou de cirurxía estética, pero máis currado, claro) sobre o que acontece nunha empresa con pantallas Apple de 30 polgadas e o que ocorre noutra con pantallas Samsung (ollo ó dato: a pequena e de peor calidade non é Apple) de 17 polgadas e menor resolución.
O informe conclúe achegando un dato que non deixa de sorprendernos: os traballadores con pantallas de meirande envergadura poden chegar a incrementar a súa taxa de efectividade e produtividade nun 50 ou ata nun 65%.
No estudo tamén se fai fincapé en que o maior custo no investimento tecnolóxico rendibilizaríase nun prazo de dous anos (é importante, polo tanto, que a empresa que desembolse estes cartos teña aspiracións a voar alto e ir alén dese prazo de tempo).
A razón de todo isto? Segundo o devandito Andreas Pfeiffer, as pantallas grandes axudan a non ter que levar a cabo labores monótonos como trocar de xanela para ir dun programa a outro, e dinamizar tarefas –en definitiva– nas que haxa datos que se manexan a moita velocidade. Casos concretos: pasar información de Word a Excel, ou tratar imaxes co Adobe Photoshop. No informe non se di nada sobre o ben que se xoga ás cartas con pantallas grandes, sen necesidade de achegarse ás mesma para gañar un solitario.